Xestores culturais apostan por expertos para poñer en valor as esculturas de Compostela

Veno necesario para cando se teñan que levar a cabo actuacións xa que na actualidade son responsabilidades que recaen no Concello

A pintura mural: en auxe, pero descoidada

Retrato Póstumo de Asurbanipal, de Eugenio Granell, do 1993, situado no parque da Música

Retrato Póstumo de Asurbanipal, de Eugenio Granell, do 1993, situado no parque da Música / Cedida

Xestores culturais e historiadores da arte consideran que o Concello necesita un catálogo completo e rigoroso que estude e amose á cidadanía todas as obras permanentes no seu espazo público. “A escultura non monumental é unha forma de intervir no espazo público presente en Santiago dende a década dos oitenta, no que se refire a pezas abstractas, sen figuración. Malia homenaxear a algunha persoa senlleira ou facer referencia a algún acto con relevancia identitaria, polo xeral están completamente desconectadas da cidadanía e pasan desapercibidas nos parques e xardíns da cidade”, comenta en conversa con este medio Jorge Viz, xestor cultural e doutor en Historia da Arte da USC, vinculado á Fundación Xoán Piñeiro para a cal está traballando nunha publicación sobre esculturas. Cita, ademais, que estas pezas están, en ocasións, en mal estado de conservación, coma acontece co retrato póstumo de Asurbanipal de Eugenio Granell, do 1993, situado no parque da Música.

Como exemplo do desleixamento que sofren algunhas das obras, Jorge Viz cita o conxunto escultórico de Manuel Pailós situado no parque da Dársena, o Monumento (1993), de autoría anónima a ollos da administración local ata a publicación na revista Mazarelos dun artigo por parte de Viz e Alba Rivas, xestora cultural e compañeira do seu grupo de investigación.

Nos últimos anos leváronse a cabo restauracións en zonas céntricas da cidade como a Alameda e noutros puntos concretos, non periféricos, “mais é unha porcentaxe de actuación baixa se miramos as máis de 100 esculturas públicas que temos na cidade”.

No referente á creación de obras, estase a incrementar a presenza de artistas mulleres. Como exemplos de esculturas do ano pasado está o Monumento a María Miramontes de Mar Ramón Soriano, en Cornes, a de María Xosé Díaz, Homenaxe a Xohana Torres en Sar, a de Soledad Penalta, Homenaxe a Carlos Maside, na Alameda, ou Homenaxe a Exeria de Soledad Pite. Todas creacións de mulleres.

Busto de Concepción Arenal, situado orixinalmente na Alameda / cedida

Busto de Concepción Arenal, situado orixinariamente na Alameda / cedida

Tal e como afirmaron os seus compañeiros Alba Rivas e Pablo Neira, este último filósofo e historiador, nunha charla realizada na Casa Xoana Torres, os monumentos actuais nos que se representa a mulleres “están a deseñarse abstractos, mentres que os de homes son figurativos”. Este é o caso do Díaz Pardo, de César Lombera, do 2020, ou o de Ánxel Casal, feito por Crisitina Rommel, no 2022. “Non é o mesmo ter no espazo público a presenza dunha escultura figurativa, que esperte o interese no viandante, coa que poder conectar ou empatizar, que unha peza abstracta que pasa completamente desapercibida aos non interesados na arte”, relata.

Outro feito a ter en conta, comentado na mesma charla, foi que os monumentos feitos a mulleres non se están a poñer en zonas céntricas, mentres que os de homes si. “A non visibilización dos rostros de mulleres en monumentos no espazo público, estando presentes os de homes, non deixa de contribuír á ausencia dun urbanismo feminista. Son cuestións que o novo goberno da cidade de Compostela debe analizar e solucionar”, sostén.

Por outra banda, unha práctica nova, que ten menos de dúas décadas, é a pintura mural, en auxe na actualidade polo atractivo que ten de cara á mellora estética das cidades. “Na cidade xacobea obsérvase unha evolución dende as prácticas relacionadas coa cultura do Hip-Hop e do graffiti, coma as dos muros do IES Antón Fraguas ou do IES Xelmírez I, ata traballos maduros e comprometidos co cambio social, como os relativos á Cooperativa 7H, creadora dos programas Delas Fest e Elas Tamén Pintan, que traballan na inclusión, igualdade e diversidade, xerando espazos de participación, creación e comunicación cultural”, define. Ambos certame son os primeiros que aparecen no estado español con temática feminista.

Mural de Xoana Almar no barrio da Pontepedriña

Mural de Xoana Almar no barrio da Pontepedriña / F. Blanco

Compostela tamén conta con festivais de muralismo como Compostela Contemporánea, organizado por Mutante Creativo, con obras como Casa (2021) de Xoana Almar, Identidade (2021) de Lidia Cao, ou a icónica Popins de Sar, de Yoseba Muruzábal (2019). O problema está, en palabras de Viz, en que non existe unha política de actuación e conservación sobre estas obras, polo que en xeral están descoidadas, en parte polo feito de considerarse efémeras. “Aínda así, séguese invertendo cartos públicos en promocionar obra nova como medida paliativa do urbanismo frío e moderno, para o embelecemento de fachadas”, di.

Con todo, o doutor en Historia da Arte sinala que o óptimo sería que unha comisión de expertos formada por arquitectos, historiadores da arte, profesionais das Belas Artes, urbanistas, axentes de igualdade e persoal de educación, “tomasen decisións sobre o modo no que actuar no espazo público, cando hai propostas ou actuacións a levar a cabo, para derivar a responsabilidade que actualmente teñen a cargo os políticos”.

Neste punto, Jorge Viz recorda o traslado que se fixo do busto de Concepción Arenal, orixinalmente situado na Alameda, á intervención urbanística realizada ao carón da igrexa de San Froitoso, aos pés do Pazo de Raxoi, unha obra de arte paisaxística chea de simboloxía que recorda ao cemiterio de peregrinos, enterrado no lugar, xusto debaixo. “Esta descontextualización da peza e a falta de criterio por parte do político amosa o fondo descoñecemento que tiñan do lugar onde se levou a cabo a intervención”, manifesta.