Galicia conta cun novo símbolo nacional: o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

Puy, que abandona o Parlamento polo Congreso, parabenizouse de que o corenta aniversario dos traslados dos restos de Castelao ao Panteón cheguen xa cunha Fundación

Ana Pontón subliñou que Galicia dende hoxe conta cun novo “símbolo nacional ao nivel da bandeira ou do himno”

Luís Álvarez, voceiro do PSdeG, destacou o “traballo conxunto” realizado polas tres forzas políticas

O Parlamento de Galicia aprobou na mañá deste venres por unanimidade a Proposición de Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres mediante lectura única, presentada ao Pleno previo acordo dos tres grupos parlamentarios, e polo que o espazo da Igrexa de San Domingos de Bonaval pasará á xestión pública a través dunha Fundación dependente do Parlamento de Galicia. Nunha sesión que o presidente do hemiciclo, Miguel Santalices, non dubidou en calificar de “histórica” estiveron presentes na bancada do público Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela e Elisardo Temperán, chanceler do Arcebispado de Santiago como representantes de ambas institucións que formarán parte do Padroado xunto coa Xunta de Galicia e a Mesa do Parlamento. Así como representantes do eido cultural como Victor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, así como representantes de cada un dos padroados que honran a memoria das persoas soterradas no Panteón.

Luís Álvarez, voceiro do PSdeG, salientou o “traballo conxunto” realizado polas tres forzas políticas con representación no Parlamento, “sempre con vontade de acordo” para acabar co “limbo institucional” no que se atopaba o espazo. O portavoz dos socialistas galegos sinalou que se trata dunha alianza que ten “relevancia no fondo e na forma pois recoñece ao Panteón a súa verdadeira significación como elemento diferenciador” para o que solicitou un “respaldo continuado no tempo”.

Pola súa parte, Ana Pontón, voceira do BNG, subliñou que Galicia dende hoxe conta cun novo “símbolo nacional ao nivel da bandeira ou do himno”. Neste sentido, a líder nacionalista chamou a “facer o posible por dar a coñecer o Panteón a toda a cidadanía, sobre todo entre os máis novos”. Un traballo para o que se require premura, para unha vez aprobada a Proposición de Lei, “desenvolver o seu contido e dotar ao espazo dos recursos económicos necesarios”. Porén, Pontón agradeceu que hoxe dende a sé da soberanía do pobo galego “devolvémoslle a Rosalía un anaco de todo o que nos deu”, co cambio de nome do espazo que remata coa “invisibilización” feminina.

Finalmente, Pedro Puy, na que foi a súa derradeira intervención no Parlamento de Galicia antes de encamiñar a súa vida política cara o Congreso dos Deputados en Madrid, sinalou que hoxe se trataba un día para mostrar dun xeito “sinceiro”, a nosa “gratitude, agradecemento e a nosa débeda” tanto coas institucións que forman parte deste acordo -nomeadamente Concello e Arcebispado- como coa colaboración política “sobre todo nestes tempos complexos” de todos os grupos parlamentarios. A súa vez parabenizouse, de que o corenta aniversario dos traslados dos restos de Castelao ao Panteón chegarán xa cunha Fundación que xestione o espazo de xeito público.