Entrevista | Montse Vilar Presidenta da Asociación Veciñal de San Pedro A Xuntanza

“O modelo turístico que temos elimina a presenza da veciñanza”

A presidenta da Asociación veciñal A Xuntanza de San Pedro afirma que o ruído provocado polas excursións grandes e as bicicletas que circulan en sentido contrario son as dúas problemáticas que máis afectan o barrio

Montse Vilar é a presidenta de A Xuntanza dende o ano 2019, unha asociación veciñal do barrio compostelán de San Pedro creada en 1977

Montse Vilar é a presidenta de A Xuntanza dende o ano 2019, unha asociación veciñal do barrio compostelán de San Pedro creada en 1977

Os veciños e veciñas de San Pedro conviven cos peregrinos que a diario acceden á cidade por esta zona. Cales son os principais problemas cos que vos atopades?

O que temos testado dende a Asociación é basicamente o tema do ruído provocado polas excursións grandes. A veciñanza de San Pedro ten clara a diferenza entre quen entra á cidade facendo o Camiño como turista e non altera a conviviencia e os grupos amplos de 50 ou 100 persoas que chegan ocupando todo o espazo e facendo ruído a diferentes horas do día, o que incomoda o descanso ou a tranquilidade da xente que vivimos na zona. Por outra parte, está o conflito da circulación coa baixada de bicicletas en sentido contrario e a ocupación de beirarrúas, se ben semella que coas sinalizacións e coa presenza policial está a mellorar a situación. Estas serían as dúas problemáticas que máis afectan a veciñanza do barrio.

Percibides un cambio nas formas de facer o Camiño por parte dos peregrinos?

Non temos moitos datos para facer unha valoración, pero polo que comenta a xente que fai o propio Camiño percíbese unha diferenza entre quen fai a ruta como crecemento persoal ou de superación, é dicir, cunha motivación por diante, e a de quen o fai como unha ruta turística, sen ningún tipo de limitación á hora de estar nos albergues, á hora de entrar nas cidades e de ocupar os espazos, o que cada vez se considera máis conflitivo. Temos a sensación que pola promoción que se fai do Camiño dende a administración autonómica de vir a Galicia de forma barata, que aspira a atraer a unha gran cantidade de persoas, pode rachar co que sería a esencia propia do significado do Camiño como ruta espiritual e histórica. Para nós é máis relevante todo o que ten que ver coa perda de identidade da comunidade no caso da zona de San Pedro e a promoción do modelo turístico que temos neste momento elimina dalgunha maneira a presenza da veciñanza que lle dá sentido á parte cultural e histórica da zona.

“O ruído e a baixada de bicicletas en sentido contrario e ocupando as beirarrúas son as dúas problemáticas que máis afectan aos veciños”

O ano pasado creastes un decálogo de boas prácticas para o final do Camiño. Cal era o obxectivo principal?

Somos unha asociación veciñal dun barrio cunha poboación de cerca de 10.000 habitantes e creamos esa guía porque realmente era algo que levabamos tempo pensando. Queriamos trasladarlle a quen nos visita que o turismo é un sector relevante na cidade, pero que a vez hai que entender o espazo ao que chegas para poder conservalo, dende o punto de vista do patrimonio.

O grupo Galabra, dirixido polo profesor Elías Torres, ten un estudo de hai anos no que se dicía que un porcentaxe moi alto das persoas que nos visitan facendo o Camiño que non saben por onde están entrando. No caso de San Pedro descoñecen as condicións históricas do mesmo.

Cando decidimos sacar ese decálogo, quixemos darlle esa perspectiva más histórico-cultural e antropolóxica porque viamos que se estaba a perder esa parte relevante do que somos. Recollemos as queixas dos veciños e veciñas do barrio e decidimos centrarnos en tres liñas.

Unha era o tema da circulación e das bicicletas porque non se estaba respetando una normativa de tráfico que estaba establecida nas cidades e ademais era peligroso porque ao baixar en sentido contrario podíase provocar algún accidente de diferente gravidade. Tamén coa percepción de que cando chegas aquí é un espazo con vida, e hai un modelo de estar e de sentir a cidade e que o favorable é incorporarte á mesma para gozar da experiencia. E por outra parte, o tema do patrimonio. Neste punto incluímos o uso dos bastóns que se necesitan para unha mellor mobilidade e por dificultades físicas, pero hai que poñerlles as gomas porque ese picar sobre a pedra permanente, con tanta entrada de xente, deteriora o patrimonio, que é unha das partes fundamentais polas que visitas esta cidade. Por agora non temos datos do impacto que puido ter.

Agora o Concello copia esta iniciativa para para conseguir unha maior convivencia.

O actual goberno local recolleu esa iniciativa que tivemos nós como asociación. É un paso importante e esa información hai que facela chegar a todos os sectores para facer un turismo sostible e de calidade para seguir gozando da cidade con garantías.

Decide a xente deixar de vivir nesta zona para evitar certas actitudes incívicas?

Non temos as mesmas circunstancias habitacionais que a zona da Almendra, onde hai una serie de elementos que condicionan probablemente máis que o turismo, como a dificultade de comprar vivenda residencial ou as dificultades de restauración e adaptación ás necesidades actuais.

Na nosa área estamos vendo que a turistificación está tendo un impacto importante a nivel residencial pola proliferación de vivendas de carácter turístico, o incremento de prezos, valorar que economicamente é máis interesante ter unha vivenda para uso turístico que unha vivenda residencial... e así hai xente que está abandonando por imposición económica a zona ou que está a ter dificultades para atopar vivenda. Esa é a información que nos chega a nós.

A percepción social é importante. Se nun edificio coincides nas escaleiras con só tres ou catro residentes e o resto está rotando de maneira permanente é un feito que transmite que son comunidades cun fluxo turístico permanente.

“Estamos a favor de que o Concello estableza unha taxa turística porque noutras cidades estamos abonándoa e non está a reducir o número de visitantes”

Desde A Xuntaza, que medidas considerades que podería poñer en marcha o Concello para alcanzar unha mellor convivencia entre visitantes e xente local?

Entendemos que é unha circunstancia complexa. A turistificación de Compostela ven crecendo de maneira progresiva nos últimos anos e sabemos que vai a ser moi difícil frear ou recuperar certas condicións da cidade. No momento en que sacas un decálogo estás recoñecendo que hai un problema. Agora para solventalo haberá que facer revisión de ordenanzas e de uso de espazos públicos. Estudar novas medidas vai a depender de cara onde queiramos camiñar a nivel turístico, e onde estamos posicionando a cidade para desenvolver ferramentas dende a administración local, nun primeiro momento. Despois outras administracións deberían facer o mesmo.

Aplaudimos a iniciativa do Concello de recoñecer por fin que efectivamente hai un conflito social que ten que ver co modelo turístico e que de algunha maneira ceda o protagonismo a quen habitamos a cidade.

Que opinión tedes sobre a taxa turística que estuda Raxoi, e a taxa por cada excursionista que non dorme na cidade?

Como asociación estamos a favor de que o Concello estableza unha taxa turística porque os composteláns como visitantes ou turistas noutros lugares estamos abonándoa e vese que non está a reducir o número de persoas que visitan as cidades. Se seguimos pensando que somos unha cidade turística e que queremos recibir xente terá que haber una contrapartida para a cidade.

Sobre a taxa para excursionistas dicir que tampouco estamos en contra, pero antes de implementala simplemente hai que ver cara onde queremos construír cidade.