Tivo lugar a mañá deste mércores

O Hospital Clínico de Santiago realiza a primeira cesárea con acompañante

Este mesmo mes aprobouse e protocolo no que se posibilita o acompañamento á nai, de quen ela decida durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo

Nai e pai de Aylen, a nena que acaba de nacer, mostráronse “felices e emocionados de poder estar os dous coa súa filla dende o primeiro momento”

O CHUS realiza a primeira cesaria con acompañante

CHUS

El Correo Gallego

No paritorio do Hospital Clínico Universitario de Santiago, tivo lugar esta mañá a primeira cesárea programada na que en todo momento a nai puido estar o acompañada por quen ela decidíu. Nesta ocasión a persoa que estivo presente foi o pai da nena Aylen, que naceu ás 10.37 horas.

Tanto Alba como Fabio, nai e pai da recen nada, de Santa Comba, mostráronse “felices e emocionados de poder estar os dous coa súa filla dende o primeiro momento e durante a recuperación despois do parto” e agradeceron “o labor de todo o equipo que asistiu ao nacemento”, facultativos do servizo de obstetricia, matronas, anestesista e neonatólogo.

Alba manifestou, tras o nacemento da súa primeira filla “sentirse moi contenta de poder estar acompañada” e tamén destacou o labor dos profesionais que “permitiron que a experiencia fora estupenda”.

Pola súa parte, Fabio, mostrouse plenamente feliz polo nacemento da súa filla Aylen e destacou que “foi algo inolvidable, bonito e vivimos momentos emotivos no quirófano de partos, pois non só nos emocionamos nós, tamén os profesionais”.

Patricia Peñas e Mariña Sánchez Andrade, obstetras que realizaron a cesárea manifestan, tras incidir en que os protagonistas deste día son Alba, Aylen e Fabio, que hoxe é un día gratificante e satisfactorio “pois é o broche a un traballo de moita xente, dun equipo multidisciplinar”. Destacan que esta medida trae consigo “beneficios para o apego, a lactación e permite á paciente estar más tranquila e máis contenta” asegurando que a presenza do acompañante “non interferiu pois o pai estivo na cabeceira da cama, ao carón da nai da súa filla”.

Este mesmo mes a xerencia da Área Sanitaria de Santiago de Compostela aprobaba o novo Protocolo de acompañamento ao nacemento mediante cesárea no hospital Clínico, no que os profesionais viñan traballando desde principios deste ano. Así, neste proceso se posibilita o acompañamento á nai de quen ela decida durante todo o proceso, e a non separación en ningún momento do seu fillo, ao igual que xa se viña facendo no parto vaxinal, polo que se adianta o contacto pel con pel continuado co recén nado.

Así pois, trala constitución, a principios deste ano, dun grupo de traballo participado por persoal facultativo e de enfermería dos servizos de Obstetricia, matronas, anestesia e neonatoloxía do CHUS, e co apoio da xerencia, elaborouse e aprobouse dito protocolo que entrou hoxe en funcionamentos, grazas á incorporación de melloras tecnolóxicas, organizativas e de confort. Dito documento garante a seguridade e cumprimento dos estritos protocolos anestésico-cirúrxicos no quirófano que en principio dificultaban o acompañamento e a non separación da nai co bebé.

Para a xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, é un motivo de satisfacción poder ofrecerlle esta opción de acompañamento, pois sabemos o importante que é para as mulleres contar co apoio dos seus seres queridos durante este momento tan especial”. Núñez subliña o seu compromiso persoal por “ofrecer unha atención de calidade e humanizada ás nosas pacientes, e esta iniciativa é un paso máis”.

Amais destaca, “que foi un traballo no que participamos de xeito conxunto a dirección, e os profesionais do servizo de obstetricia e xinecoloxía, matronas, así como os de anestesia e neonatoloxía a quen quero agradecer a súa implicación e felicitalos”.

Melloras tecnolóxicas e de confort

A Unidade de Traballo de Parto e Reanimación (UTPR) do Servizo de Obstetricia acaba de incorporar, este verán, 5 novas camas que se instalaron hospital Clínico cun investimento de preto de 78.000€.

Estas camas mellorarán a experiencia das pacientes durante todo o proceso de parto, favorecendo, tamén o labor dos/as profesionais do servizo de obstetricia. Destacan polo seu deseño ergonómico e a súa tecnoloxía avanzada, que se adapta ás necesidades específicas das mulleres durante o proceso de dilatación, parto, reanimación e postparto.

Entre os beneficios destacan o axuste de altura para facilitar o acceso e a comodidade tanto para as pacientes como para o persoal, as posicións múltiples para adoptar a máis cómoda durante o traballo de parto e o parto en si, e o soporte lumbar axustable que ofrece maior confort. Amais ofrece unha maior seguridade e estabilidade.

Esta mellora vense a sumar á recente instalación de 11 novos ecógrafos adquiridos pola Xunta de Galicia, cun custe de 900.000 euros nas consultas de xinecoloxía e obstetricia da área sanitaria compostelá. Esta renovación e ampliación tecnolóxica permitirá unha importante mellora na capacidade de resolución das consultas e que implicará tamén grandes avances na capacidade diagnóstica de cada visita médica.