Escolar

‘Migracións’, un programa diverso para chegar a todas as sensibilidades

A estrea da nova edición de concertos de abono da Real Filharmonía de Galicia comeza este xoves no Auditorio

Actuación da Real Filharmonía de Galicia, á esquerda, o director titular e artístico, Baldur Brönnimann

Actuación da Real Filharmonía de Galicia, á esquerda, o director titular e artístico, Baldur Brönnimann / Cedida

Este xoves, ás 20.00 h, bota a andar a nova edición de concertos de abono da Real Filharmonía de Galicia (RFG). Unha estrea que terá lugar no Auditorio da cidade e levará a orquestra máis alá de Santiago, trasladando 17 dos 23 concertos a outros lugares de Galicia, como será o caso de Ferrol, o venres 6, ás 20.30 horas.

Unha das novidades da programación deste ano da RFG é a incorporación o pasado mes de xaneiro do novo director titular e artístico Baldur Brönnimann (Vasilea, Suíza, 1968), logo dunha década baixo a dirección de Paul Daniel (Inglaterra, 1958). Mentres Brönnimann ultima os detalles do concerto deste xoves, conversamos coa directora técnica da RFG, Sabela García Ponte, colaboradora no deseño da programación deste ano xunto ao director suízo. García Fonte explica, en primeiro lugar, a elección da temática: “Eliximos Migracións tamén pola coincidencia do cambio de titularidade artista coa chegada de Baldur Brönnimann, abrimos un período de reflexión na orquestra para definirmos quen queriamos ser a partir de agora”.

Unha reflexión que deu en que as liñas mestras da Real Filharmonía se guíen por unha “apertura á sociedade, ás novas sensibilidades, novos hábitos de escoita, novos músicos... Buscar públicos máis alá e consolidar o que faciamos ata agora”. García Fonte explica que por estes motivos se buscou un programa arredor das migracións, “que tanto toca a tantas familias, eliximos expresar estas ideas de pertenza e non pertenza a través da música de compositores e compositoras que foron migrantes”, aclara.

O concerto deste xoves principiará coa artista Kaija Saariaho e a súa obra Ciel d’Hive, unha das compositoras máis importantes da actualidade falecida no mes de xuño e cuxa visita estaba prevista para participar neste Migracións. De seguido a esta primeira interpretación, chegará a peza Concerto para piano e orquestra, de György Ligeti, que interpretará o pianista Alberto Rosado, ademais das Danzas sinfónicas, op. 45 de Rachmaninov, para a que se contará coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM). Ao remate, haberá un viño cortesía de Galicia Calidade para intercambiar impresións entre público e artistas. “A xuntanza entre artistas e público dá lugar a espazos de intercambio moi interesantes e que serven para romper esas distancias que aínda hai”, asegura Sabela García Fonte.

Ademais de viaxar a cidades como Lugo, Ferrol, Vigo, A Coruña, Pontevedra e Ourense, a programación de abono da RFG tamén sairá do Auditorio de Galicia para a realización dun concerto de música electrónica na Cidade da Cultura, o vindeiro 3 de novembro. De novo a razón é a de “chegar a todos os públicos” e conseguir “un proxecto participativo, con coros de toda Galicia que virán facer o concerto de decembro que titulamos Cantamos ou os concertos didácticos para o público máis novo”.

Programa de abono exitoso

As cifras deste ano do programa de abono da Real Filharmonía dan sinal de fidelización e do interese pola música orquestral, ascendendo un 14% respecto de 2022 e acadando o 45% de abonados no prazo de butacas. Mais o obxectivo da dirección vai máis alá: “O perfil de Baldur é moi aberto, nada conservador como os que se adoitan dar na música orquestral española”, afirma García Fonte. “Ten moita sensibilidade por chegar a todos os públicos e non por compracer a certa elite intelectual ou cultural e a escolla dos temas tamén foi fundamental”, di.

Por iso, para que todo o público se atreva a probar, a vindeira tempada ampliarase o prazo para mercar os abonos, pero actualmente tamén se poden conseguir billetes individuais para os concertos. “Diría ao público non habitual”, explica Sabela García, “que se atreva a probar, temos o abono ‘En foco’, tres concertos cun formato máis relaxado e con concertos comentados, e que veñan aos putnos de encontro”, insiste.