“Reservar a zona vella ao turismo só contribuiría a facer deste espazo un parque temático”

200 cuestionarios compoñen o estudo que publicou a Cátedra do Camiño sobre a actividade comercial e turística de Santiago

Turistas en Santiago de Compostela

Turistas en Santiago de Compostela / Antonio Hernández

Gabriel Fernández Blach

A investigadora Sara María Torres Outón vén de publicar, dentro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, un estudo composto por 200 cuestionarios sobre turismo e comercio en Santiago. O documento, titulado como ‘Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño’, expón o papel que ten o consumo na distribución comercial en Santiago. Ademais, a investigación pretende poñer especial atención no impacto das peregrinacións que chegan á cidade. Os cuestionarios foron respostados polos comerciantes e hostaleiros, concretamente, os que teñen os seus negocios en puntos estratéxicos para o turismo e os peregrinos.“Na medida en que o ensanche concentra moitos negocios, a maioría das persoas entrevistadas teñen aquí situados os seus locais, seguidos daqueles que están na zona vella”, afirma Torres Outón.

Do estudo sácase que “a maioría da clientela son residentes do propio municipio e doutros municipios pertencentes á comarca de Santiago”, comenta a investigadora. Tamén deixa constancia de clientela doutros países, sobre todo “Portugal, Brasil, Italia e Alemaña”. Os entrevistados tamén foron preguntados sobre os tipos de cliente que reciben e prefiren. Sara María Torres comenta que “non existe un perfil de cliente non desexable de maneira clara porque todos son necesarios para manter a vida dos negocios”, en referencia á clientela que reciben os comerciantes e hostaleiros composteláns. Ademais, entre os entrevistados destacan os que pensan na “clientela local como a máis desexable por realizar compras continuamente”, en referencia ao público local que se atopa no municipio durante a maior parte do ano. Tamén destaca a figura da “clientela apreciada”, formada por “familias e estudantes universitarios”.

Por outra parte, a tempada turística xa non afecta da mesma maneira a cidade. Concretamente, comerciantes e hostaleiros expresan que “xa non é tan estacional como antes e hai turistas e visitantes ao longo de todo o ano, aínda que a intensidade varía”, destaca Outón. Ademais, os donos de negocios en Santiago móstranse en contra de deixar o casco histórico só para o turismo. A investigadora extrae das respostas que “reservar a zona vella ao turismo só contribuiría a facer deste espazo un parque temático”, en referencia aos testemuños recollidos. Por último, faise fincapé en “Santiago como algo máis que Camiño”.