Nussbaum e Keating, dous referentes das Ciencias Sociais, ‘honoris causa’ da USC

A filósofa “das emocións”, defensora dos dereitos do animais, e o politólogo escocés, especializado en federalismo e nacionalismo, recibiron o seu doutoramento no Paraninfo da Facultade de Historia da Universidade compostelá

O Paraninfo da Universidade de Santiago (USC) foi o escenario elixido polo reitor da institución, Antonio López, para outorgar os doutoramentos como honoris causa da filósofa estadounidense Martha C. Nussbaum e do politólogo escocés Michael Keating. Ambos doutores son figuras “senlleiras”, en palabras do reitor, das Ciencias Sociais do século XXI, a primeira polos seus traballos en favor da igualdade das mulleres, do feminismo, da liberdade sexual e tamén dos dereitos dos animais; o segundo, traballador incansable no estudo e análise do federalismo e dos nacionalismos.

O nomeamento tivo lugar onte durante unha cerimonia clásica pero tamén emotiva. Por unha banda, pola ovación á filla de Martha C. Nussbaum, auspiciada polo padriño da nova honoris causa da Universidade de Santigo, o doutor de Filosofía Martín Fernández. Rachel Nussbaum, tamén defensora dos dereitos dos animais, faleceu en 2019.

Pola outra banda, grazas á breve loa de Keating a Santiago, cidade na que traballou en 1993 na USC e da que dixo admirar “a arquitectura magnífica”, ademais da historia e do lecer, e fixo mención á realización este ano, coa súa compañeira, dun tramo do Camiño Portugués a Compostela.

Por unha nova era máis xusta

Martha Craven Nussbaum (Nova York, 1947) é unha das filósofas máis recoñecidas neste momento, sobre todo pola influencia do seu pensamento no mundo contemporáneo. Ademais de especializarse na “necesidade de acordar uns marcos políticos que fagan posible uns mínimos constitucionais sen romper coas identidades e as tradicións”, a doutora ten realizado estudos sobre as desigualdades coa India como protagonista.

Pero non só iso, Nussebaum é unha figura de referencia en canto á loita pola igualdade (das mulleres e das persoas homosexuais) e tamén dos dereitos dos animais. 

E foi precisamente isto último o que centrou o seu discurso como doutoranda, onte no Paraninfo. Martha Nussebaum fixo xirar boa parte do seu relatorio tomando como referencia a novela Ola de crímenes en el Castillo de Blandings, de P.G. Wodehouse, unha obra que conta como Lord Emsworth se refuxia no seu libro favorito: un manual de cría de porcos.

Un animal que toma como referencia, comparando a súa vida feliz grazas aos coidados, fronte ás actuais macrogranxas estadounidenses nas que os cochos, animais que se caracterizan pola súa limpeza, lonxe do que se poida pensar, se ven na obriga de comer e defecar no mesmo espazo, sen mobilidade, sen ningún dereito máis que o de seren cebados.

“A raza humana é a responsable da inxustiza do mundo”, sentenciaba Nussbaum na tribuna. Unha inxustiza que, como non pode ser doutra maneira, tamén está vencellada coa contaminación e co cambio climático. Delfíns e elefantes tamén formaron parte do discurso da filósofa para contar, por exemplo, como se atopou unha balea morta de fame, “asfixiada con plástico, este animal tiña sensación de saciedade, pero non de nutrición, e ao final non había lugar para que entrase comida real”, contou a doutora, un drama que medrou cando se soubo que ese plástico levaba moito tempo no estómago da balea, tanto que calcificou, “non volverá cantar”, indicaba Nussebaum.

Esta defensa dos dereitos dos animais e a loita contra a contaminación dan lugar a que as ideas desta filósofa teñan un forte impacto en programas e políticas internacionais como pode ser a Axenda 2030, ademais de ser coñecida como “a filósofa das emocións”, como lembraba o seu padriño de doutoramento, o profesor da Facultade de Filosofía Martín González, que debullou para o público a traxectoria de Nussebaum, apelido de casada da doutora “e tamén da súa sogra, que era de Galitzia”, bromeou González en referencia á Galicia polaca –terra natal do mítico cineasta Billy Wilder–, “aínda que conservou tamén Craven”, referiu.

O profesor tamén aludiu á cita que tamén tivo lugar na tarde de onte na Facultade de Filosofía, o diálogo ‘En conversación con Martha Nussbaum’, no que ademais de contar coa presenza da profesora, participaron cinco membros do grupo PAIX de Humanidades e Ciencias Sociais: Xavier de Donato e Óscar Horta, da Facultade de Filosofía; Laura Lojo, da Facultade de Filoloxía; e Pedro López Barja e Jesús Ángel Sánchez García, da Facultade de Xeografía e Historia.

Interdisciplinaridade e pluralismo metodolóxico

O doutor emérito de Ciencia Política da Univesidade de Averdeen (Escocia) Michael Keating, que estivo apadriñado polo tamén politólogo e profesor emérito da USC Ramón Máiz, reclamou para as Ciencias Sociais unha maior “interdisciplinaridade e pluralismo metodolóxico”, pois segundo afirma, “o mundo social é máis complicado que a capacidade de entendemento do ser humano”, polo que “non se pode comprender a complexidade do mundo dende unha única perspectiva”. 

Fronte ás correntes que consideran que as ciencias sociais deben seguir a mesma metodoloxía que as físicas, ou quen considera que non hai unha única realidade, Keating defende que si a hai, mais “con distintas perspectivas, diferentes interpretacións desa realidade social”.

O politólogo, que fixo referencia tamén ao discurso de Martha C. Nussbaum, sinalou cuestións como a crise climática para asegurar que “as grandes cuestións” que debe resolver agora a humanidade non se deben abordar “só a través das Ciencias Sociais, senón tamén a traves das Físicas e das Humanidades”.

E alén de afrontar estes retos, dende a súa disciplina científica, Keating fala de mellorar a comunicación entre a Ciencia e a xente do común. “Logo do fracaso do paradigma económico coa crise económica de hai 15 anos, debemos facer fronte aos populismos e para iso necesitamos duns mellores mecanismos de comunicación”.

Para Keating existe “un gran divorcio entre a Universidade e a xente”, unha separación que asegura non había no século XVIII, coñecido non en van coma o Século das Luces.

Michael Keating, especializado en nacionalismo e asesor en parlamentos coma o escocés ou o vasco, non quixo deixar pasar no seu discurso a ocasión de referirse ao ‘vello continente’ para lembrar que “hai aínda en Europa perspectivas nacionais”.

Unhas olladas que el tamén fía co vínculo celta entre Galicia e Irlanda (país do que ten ascendencia) e que o levan agora mesmo a estar a realizar un traballo sobre celtismo, un proxecto “de post-xubilación”.