Verea arremete contra Sanmartín pola ausencia na Traslatio: “Santiago ten unha tradición cristiá milenaria”

O líder dos ‘populares’ composteláns denuncia tamén a ausencia de políticas de vivenda dos gobernos de PSOE, BNG e CA

Borja Verea nunha comparecencia en Raxoi

Borja Verea nunha comparecencia en Raxoi / ECG

A ausencia da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na Ofrenda da Traslatio o vindeiro 30 de decembro, é obxecto de nova polémica coa oposición, concretamente, o Partido Popular, na voz do seu líder Borja Verea, que arremete contra a rexedora por esta ausencia reivindicando que “Santiago é unha cidade única no mundo, cunha tradición cristiá milenaria, que naceu para recibir peregrinos, esa é a nosa riqueza”, asegurou.

Verea falaba así a raíz dunha información publicada o pasado domingo en EL CORREO, na que se daba conta da designación, dende a Casa do Rei, do presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, como delegado rexio na citada ofrenda, e onde tamén se puntualizaba que non asistiría a alcaldesa compostelá, por atoparse de vacacións entre o 30 de decembro e o 3 de xaneiro.

Dende o Concello, non se explicou aínda se a substituirá algún outro concelleiro ou se non haberá representación do Goberno local no acto, mais deféndese "a boa relación da alcaldesa coa Igrexa", en referencia ao seu encontro con Santalices e co arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, reunidos para tratar os espazos do Panteón de Galegos Ilustres.

“Temos unha rexedora que perdeu as eleccións, sacando 6 de 25 edís, e por unha carambola goberna a cidade”, aseguraba Verea, para insistir en que “non lle gustan os peregrinos, non lle gusta o Apóstolo, non lle gusta a Catedral e non lle gusta o Nadal”. O líder do PP local pregúntase tamén, sobre Sanmartín, “se quería ser alcaldesa ou simplemente pasaba por aquí e lle tocou nunha tómbola”, porque sendo así Verea suxire que “ao mellor estaba máis cómoda rexendo Albacete ou Guadalajara, pero Santiago é unha cidade moi distinta”.

O líder do PP advirte tamén que “se o BNG quere converter Santiago nunha cidade dormitorio ou nunha capital de provincia máis, que non conten con nós”. “Estamos rozando a maioría absoluta, e estou convencido de que a imos conseguir, defendendo a esencia da nosa cidade”, afirmou.

Vivenda pública

Borja Verea tamén quixo facer referencia a outra información publicada por este diario, sobre a denegación por parte de Raxoi dunha bonificación ao imposto de construcións, solicitada polo IGVS, para a finalización das obras de vivenda social no Castiñeiriño. “A ausencia de políticas de vivenda por parte dos gobernos de PSOE, BNG e CA colócanos como a cidade galega na que máis subiu o alugueiro no último ano. É unha mágoa que sexa nese tipo de rankings nos que aparecemos como líderes”, afirmou.

O popular insistiu en “saber que fixo o BNG a prol da vivenda durante os 6 meses que leva gobernando, a resposta é ben sinxela: nada”, insitiu, para defender que o “único que fixo foi obstruír a construción das vivendas de protección que se tentan facer en Compostela”, en alusión a esa denegación aprobada no Pleno do 30 de novembro e con base nun estudo realizado pola concellaría de Servizos Sociais do goberno do PSOE.

Iluminación de Nadal

O incidente producido na fin de semana co alumeado de Nadal, coa caída dunha desta instalacións en San Roque –xa se producira outra incidencia na Virxe da Cerca– también provocou unha resposta por parte do PP. Nesta ocasión foi a edil ‘popular’ Nerea Barcia quen lle esixiu ao Goberno local que informe sobre se se levou a cabo unha revisión destes elementos tralo primeiro suceso, “tal e como solicitamos despois de que unha persoa resultase ferida ao caerlle o alumeado enriba”. Dende Raxoi aseguraron onte que se vai proceder á revisión de todos os enganches do alumeado navideño.