Martha C. Nussbaum: “Urxe que a loita contra o cambio climático entre nos departamentos de filosofía”

A catedrática ten esperanza na resolución da ONU de ‘alto o fogo’ na Franxa de Gaza

Asegura que non “debemos ser compracentes nin dar ningún dereito por asegurado”

A filósofa Martha C. Nussbaum, ‘honoris causa’ da USC

A filósofa Martha C. Nussbaum, ‘honoris causa’ da USC / Acast.com

A filósofa Martha C. Nussbaum (Nova York, 1947) foi unha das últimas académicas nomeadas doutora honoris causa pola Universidade de Santiago (USC) este ano. No seu discurso como doutoranda, pronunciado no Paraninfo da Facultade de Historia, Nussbaum centrouse sobre todo nos dereitos do animais e na importancia da súa defensa para conseguir a chegada dunha “nova era máis xusta” así como loitar contra o cambio climático.

“É urxente”, di, e dende a súa área a filósofa considera que “os departamentos de filosofía deberían incluír cursos sobre os dereitos dos animais e o cambio climático, con expertos coñecedores do tema, que inclúan o enfoque dun filósofo e dun científico”.

Esta defensa é só unha das áreas nas que traballa a filósofa, que dedicou moitos dos seus libros á igualdade de dereitos de mulleres e homosexuais. El CORREO tivo oportunidade de falar con ela de temas nos que é referente mundial e tamén arredor de cuestións da actualidade no mundo, como son os conflitos bélicos e, nomeadamente, o que se está a producir na Franxa de Gaza, bombardeada polo exército israelí en resposta ao atentado perpetrado pola organización terrorista Hamás durante a celebración do festival Tribe of Nova (nunha zona próxima a Gaza) a comezos de outubro, cun milleiro de persoas asasinadas.

Martha Nussbaum consólase con que “agora ao menos existe unha resolución da ONU acordada por todas as nacións”, en relación á petición “de alto ao fogo inmediato” aprobada por 153 votos a favor, 10 en contra e 23 abstencións, na asemblea da ONU do pasado 12 de decembro.

Pero a filósofa tamén lembra que “Hamás é unha organización terrorista asasina que non debe ter futuro no goberno de Gaza” e preguntada por que deberían facer as diferentes organizacións e institucións humanitarias, fundamentalmente en canto as consecuencias de morte, mutilación e trauma entre os nenos e nenas gazatís, Nussbaum asegura non confiar na maioría pois “moitas ONG son corruptas ou irresponsables no uso do seus fondos”.

Igualdade e dereitos civís

Nunha das obras nas que Martha C. Nussbaum analiza a situación da igualdade das mulleres, Ciudadelas de la soberbia, a filósofa conta como nos Estados Unidos (EE.UU.) “as mulleres aínda non acadaron a igualdade total no traballo, e o acoso e a agresión sexual que sofren seguen a ser moi comúns”, unhas cuestións nas que non difire España, Galicia ou o propio Santiago, onde os postos de poder seguen a estar maioritariamente en mans dos homes ou onde o número de agresións sexuais e de violencia física entre a mocidade vai tamén en aumento.

“A igualdade e a autonomía das mulleres está en EE.UU. baixo moita presión”, di Nussbaum, “e algúns estados néganlles os dereitos máis razoables sobre os propios corpos”. Cuestións coma o aborto, por exemplo, condenado aquí por determinadas correntes ideolóxicas é unha cuestión que sempre está no centro do debate político, sen apenas achegamento entre os posicionamentos das distintas forzas, tanto progresistas coma conservadoras.

O paralelismo entre a situación actual aquí e nos EE.UU. mantense en canto ás persoas homosexuais e trans, onde o factor máis positivo é a consecución do dereito ao matrimonio, nun caso, pero a “protección constitucional é fraxil”, asegura a filósofa.

O caso peor, o das persoas trans, que en Estados Unidos “teñen ameazados os seus dereitos sanitarios nos estados máis conservadores”. Por iso, asegura Martha Nussbaum, “nunca debemos ser compracentes nin dar ningún progreso por asegurado”.

Algo de filosofía

Martha C. Nussbaum, coñecida como ‘a filósofa das emocións’ e claramente socrática, defende que este ideal pode manterse hoxe en día, pese a que o mundo estea dominado polo relativismo e a opinión. “Todos os universitarios, non só os que elixen a Filosofía, deberían ter un curso obrigado de ética filosófica, con Sócrates no centro, para aprender a debater respectuosamente as diferenzas”.

Nussbaum ten claro que desta maneira se “melloraría enormemente o discurso político”. “E se seguen o discurso socrático para examinárense a si mesmos, comprenderán fontes do significado das cousas que lles serán de grande utilidade nun futuro”, afirma.

Preguntada sobre os límites morais do coñecemento, a filósofa norteamericana asegúralle a este diario que “o coñecemento debe perseguirse sen límites, pero a súa implementación real debe estar guiada por límites morais”. Un razoamento que Martha C. Nussbaum xustifica facendo referencia a que “o feito de que saibas como facer algo non implica que facelo sexa correcto”.