The Rapants esgota en só 15 minutos as entradas para o seu concerto en Santiago e anuncia unha segunda data

Os dous concertos, previstos para o 23 e 24 de marzo, terán lugar na Sala Capitol da capital galega

The Rapants

The Rapants / Andrea Freckleseye

The Rapants suma e segue. Este mesmo venres vén de esgotar, en tan só 15 minutos, as entradas para a festa de presentación do seu terceiro álbum, La máquina del buen rollo, prevista para o sábado 23 de marzo na Sala Capitol de Santiago.

Ante a masiva resposta do público, a banda muradá anuncia unha segunda data na mesma sala da capital galega, co obxectivo de que poidan asistir todas aquelas persoas que quedaron sen billete.

Nova cita en Santiago

Así, o novo concerto será o domingo 24 de marzo, ás 20:00 horas. A apertura de portas será a partir das 19:00 horas e a venda activarase desde as 12.00 horas do luns 5 de febreiro na plataforma Ataquilla.com.

O grupo muradá iniciou este ano coa publicación de Blaster W4u, o primeiro avance do seu terceiro álbum. Trátase dun "tema moi bailongo; é unha peza moi discotequera e que fixemos especificamente para morrear”, explicou o cuarteto en declaracións pasadas a ELCORREO.

O tema, que foi grabado en varias localizacións de Muros, contou coa participación de arredor de 400 veciños.

Xunto aos dous concertos na Sala Capitol, poderemos ver a The Rapants en recoñecidos festivais da comunidade galega como EmigraSON, Ourensound, Portamérica, SonRías Baixas ou Osa do Mar.