O Instituto de Estudos Bergantiñáns organiza unha viaxe a Rianxo

Casa Museo de Manuel Antonio, en Rianxo

Casa Museo de Manuel Antonio, en Rianxo / Concello de Rianxo

Redacción

O Instituto de Estudos Bergantiñáns (IEB) ten programada para o día 22 de abril unha viaxe cultural a Rianxo. Partirán ás 8.30 horas da rúa Gran Vía de Carballo. Os billetes atópanse á venda na librería Brañas Verdes (tfno. 981 703 641) a un prezo de 30 € para socios e 32 € para o resto. Inclúe o transporte e a comida. O programa contempla unha visita aos petróglifos dos Mouchos no lugar de Brión (Leiro). A continuación, realizarase unha camiñada entre Taragoña e Rianxo a través da senda litoral duns catro quilómetros que une estas dúas localidades.

Despois de xantar, levarase a cabo un percorrido urbano polos lugares máis representativos da zona histórica de Rianxo. A ruta estará guiada polo profesor e escritor local Xosé Ricardo Losada Vicente, filósofo e experto na figura e obra de Manuel Antonio.