A pegada de Rosalía pola Maía e Sar

Ames, Brión, Padrón e Dodro programan unha ruta gratuíta polos lugares emblemáticos na vida da poetisa para o día 29 // O itinerario segue o trazado proposto por Abuín de Tembra e completado por Anxo Angueira // O autobús recalará na Tarroeira, Bastavales, Torres de Hermida e o Espolón

Excursión á Casa de Rosalía de Castro organizada polo Concello de Ames a principios deste ano / concello

Excursión á Casa de Rosalía de Castro organizada polo Concello de Ames a principios deste ano / concello / M. Manteiga

Ames, Brión, Dodro e Padrón vólvense dar a man e programan para o vindeiro sábado, 29 de abril, unha saída pola ruta rosaliana que transcorre polos lugares máis emblemáticos da vida de Rosalía de Castro e o seu legado literario. Trátase dun itinerario que segue o trazado orixinal proposto por Avelino Abuín de Tembra na década dos noventa, actualizado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, no ano 2017. A iniciativa é gratuíta, pero os interesados deben anotarse (ata o día 25) na web www.padronturismo.gal/inscricions, adxudicándose por unha estriccta orde.

A saída está programada para o próximo sábado, día 29 de abril, e desenvolverase entre as 09.15 e as 19.00 horas. Os horarios e puntos de recollida son os seguintes: Dodro-Pazo de Lestrove, 09.15 horas; Padrón-biblioteca, 09.30 horas; Ames (O Milladoiro)-casa da cultura, 09.45 horas; Brión-carballeira de Santa Minia, 09.45 horas; e Ames (Bertamiráns), no Pazo da Peregrina ás 10.00 horas.

O citado proxecto de Abuín e Angueira foi presentado na feira de turismo Fitur en colaboración con esta entidade, convertido nun proxecto turístico intermunicipal denominado As pegadas de Rosalía, en xaneiro do ano 2018. E durante o percorrido visitaranse os lugares pertencentes ao territorio destes concellos que marcaron a vida e a obra da nosa autora máis universal.

A ruta comezará no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, continuando ata A Tarroeira, na parroquia de Ortoño, no concello de Ames. A seguinte parada terá lugar en Brión, e recalará na igrexa de Bastavales, cuxas campás protagonizan un dos seus versos máis afamados e soarán para o deleite dos participantes.

Cara a hora do almorzo está prevista a chegada á vila de Padrón, onde se dispoñerá de tempo libre para descansar e comer (a comida non está incluída). Xa pola tarde proseguirase o itinerario previsto polos concellos de Dodro e Padrón, visitando as Torres de Hermida, o Espolón e a casa onde Rosalía de Castro viviu con súa nai, para finalizar na actual casa-museo, inmoble onde faleceu o día 15 de xullo do ano 1885.

E co obxectivo de poñer en valor estes lugares e achegalos á cidadanía, nesta ocasión configurouse unha experiencia tomando como base o seu valor paisaxístico e cultural engadindo información nova sobre a vida da autora. Creouse un produto turístico a medida e específico, adaptado ás novas tendencias dun turismo cada vez máis experiencial no cal as persoas asistentes participan no proceso e conectan cos valores dos territorios que se visitan.

“Durante a xornada irán desvelándose diferentes Rosalías, a autora do legado literario, a voz do pobo galego e o ser humano de intensa vida espiritual”, explican ao respecto dende a organización da iniciativa.