O mercado municipal de Cee contará cun espazo gastronómico dos produtos locais

Será obxecto dunha reforma integral, que inclúe a dixitalización e aposta pola sostibilidade

As actuacións serán financiadas cunha axuda de 1.057.979 € do Ministerio de Comercio

Pedro Blanco, con Margarita Lamela, segunda esquerda, e Belén Fernández, á dereita, cunha placeira /D. G.

Pedro Blanco, con Margarita Lamela, segunda esquerda, e Belén Fernández, á dereita, cunha placeira /D. G.

O Concello de Cee acometerá un proxecto de mellora integral do mercado municipal grazas a unha subvención de 1.057,979,36 euros, que lle vén de ser concedida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, tal e como confirmou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, durante a súa visita á vila ceense este luns.

A actuación “beneficiará ao 100% das actividades comerciais do centro urbano de Cee”, afirmou a alcaldesa, Margarita Lamela. Así, contempla a transformación do punto de venda e a creación dun espazo gastronómico na planta baixa para promocionar e degustar os produtos locais. Entre as intervencións previstas figuran a instalación dun ascensor e o acondicionamento da planta alta para zona de descanso e promoción do Camiño de Santiago a Fisterra, creando áreas de exposición e un posto de artesanía.

Asemade, unificarán a imaxe exterior dos postos de venda, crearán zonas de descanso (ecoillas), mellorarán a envolvente térmica do edificio, instalarán paneis fotovoltaicos e substituirán a iluminación por outra más eficiente, abrirán ocos ao exterior e mellorarán a accesibilidade e as zonas de carga e descarga.

O proxecto contempla tamén a dixitalización do comercio local, creando unha plataforma web-app que dará visibilidade e acceso á venda multicanle, a creación de contidos dixitais, un escaparate virtual e unha rede wifi na área comercial. Igualmente, os turnos no mercado controlaranse dixitalmente.

Todo elo complementarase coa instalación de consigna/taquillas refrixeradas a disposición do comercio local, e cun plan de formación a través de talleres para axudar a que os profesionais do comercio avancen na dixitalización e melloren a rendibilidade dos seus negocios.

A rexedora está convencida de que “vai ser un revusivo para unha instalación moi importante, como é o mercado municipal, que está ubicado no Camiño de Santiago a Fisterra e que será moi importante para poñer en valor os productos de proximidade”.

Pedro Blanco cuantificou en 3,5 millóns de euros os investimentos do Goberno no municipio e destacou que “Cee é un dos concellos que máis fondos percibiu na comarca nestes anos”. Así, hai que lembrar que en abril de 2023, o Concello conseguiu unha axuda de máis de 500.000 euros do Ministerio de Sanidade, a través da Rede de Cidades Saudables, para rehabilitar a contorna do colexio público Vila de Cee e habilitar novos itinerarios peonís “que contribuirán a promocionar estilos de vida saudables”, subliñou a alcaldesa.

Ademais, o delegado do Goberno lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica financiou con preto de dous millóns de euros a renovación de toda a iluminación pública do municipio. Está previsto tamén dotar de fibra a máis de 400 fogares e empresas do municipio.