Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bertín Osborne fará vibrar Vila de Cruces o día grande da Festa do Galo de Curral

O cantareiro dará un concerto acústico o domingo 31 de maio no marco da súa xira '45 años. La historia de una voz'

O sábado haberá catas e degustacións de galo de curral preparado de tres formas diferentes

As concelleiras Noemi Lois e Mireya Otero presentaron a programación da festa, con Bertín Osborne como cabeza de cartel.

As concelleiras Noemi Lois e Mireya Otero presentaron a programación da festa, con Bertín Osborne como cabeza de cartel. / Cedidas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Vila de Cruces

Bertín Osborne ocupa a cabeza de cartel da programación musical da XXXII Festa Gastronómica do Galo de Curral, que este ano se celebrará os días sábado 30 e domingo 31 de maio. O cantareiro dará un concerto acústico en Vila de Cruces o segundo día das celebracións, ás 13.10 horas, no marco da súa xira 45 años. La historia de una voz.

O madrileño é unha das figuras públicas máis recoñecidas do país, cunha destacada traxectoria como artista e presentador de televisión, polo que este espectáculo no que rememorará os seus máis grandes éxitos promete encher a vila de festeiros.

Cartel de actividades da XXXII Festa do Galo de Curral.

Cartel de actividades da XXXII Festa do Galo de Curral. / Cedida

Considerada cita de Interese Turístico de Galicia, a Festa do Galo de Curral será o «epicentro» da gastronomía galega, sinala o alcalde, Luis Taboada. «O galo de curral é unha das marcas de identidade e tradición da nosa vila», engade. O rexedor anima a toda a veciñanza a participar nas diversas actividades e compartir a fin de semana con familiares e amigos.

O festexo iniciarase o sábado 30 cunha cata maridaxe no Auditorio Xosé Casal ás 12.00 horas. Degustarase o galo de curral, cociñado de tres formas diferentes, e acompañado de viños de Adegas CastroBrey, da parroquia cruceña de Camanzo, e outros viños da Denominación Rías Baixas da subzona Ribeira do Ulla, nunha cata dirixida polo prestixioso sumiller Nacho Costoya. Ás 18.00, na Praza do Concello, terá lugar o festival de bandas de música e, ás 23.30, a verbena correrá a cargo da orquestra Panamá.

O domingo, xornada grande da Festa do Galo de Curral, comezará ás 11.00 horas cun pasarrúas a cargo dos grupos folclóricos O Arco de Merza e Vai Nela de Salgueiros. Xa ás 11.30 horas abrirase unha exhibición de coches antigos na Praza do Concello. O ambiente festeiro continuará ás 12.10 horas coa actuación do grupo local Xuntounos Ela.

Un dos momentos álxidos da xornada será o pregón, ás 12.45 horas, a cargo da actriz, xornalista e presentadora María Mera. «Serán poucos folios, sen pasarme de tempo, e sempre xogando co humor para intentar debuxar sorrisos», comenta.

Maria Mera será a encargada de dar o pregón.

Maria Mera será a encargada de dar o pregón. / Cedida

Comida abondo

Como boa festa gastronómica, haberá exposición e venda de galo de curral vivo e a súa degustación, a partir das 12.00 horas na praza do Concello. O cociñeiro e veciño de Cruces José Antonio Asorey Torres, ‘Muñeiro’, que rexenta o restaurante Onde Antonio Mouriscade, en Lalín, preparará máis de 500 racións de galo de curral con patacas e fabas a un prezo simbólico de tres euros para que todos os que pisen Vila de Cruces nestas datas degusten o seu manxar típico.

O día pecharase por todo o alto coa música de verbena da orquestra Capitol, que ofrecerá unha gran actuación a partir das 18.30 horas, nun ambiente festivo e familiar.

Tracking Pixel Contents