O XeneraSon Camp despídese por todo o alto cun concerto no festival Go!Go!Zo!

Os corenta músicos noveis participantes no campamento tocarán as pezas preparadas durante a actividade este venres a partir das 20:00 horas

Tamén haberá concertos da banda residente da Escola do Rock de Paredes de Coura e de ONDA DAGA e QDL, grupos da Casa do Rock de Santiago

XeneraSon Camp!

XeneraSon Camp! / Cedida

Redacción

Unha das grandes novidades do festival Go!Go!Zo!, o XeneraSon Camp, porá o broche de ouro a súa primeira edición cunha mini xira de concertos en Galicia e Portugal ofrecida polos participantes do campamento.

Deste xeito, xunto á actuación en Paredes de Coura, localidade portuguesa na que se está a celebrar a actividade; a ruta incluirá unha parada no propio festival do Monte do Gozo este venres a partir das 20:00 horas; seguida dun concerto no Complexo deportivo Dunas de Gaifar de Nigrán o sábado 22 ás 16:00 horas.

XeneraSon Camp!

XeneraSon Camp! / Cedida

Os case corenta músicos noveis participantes no XeneraSon Camp farán unha demostración de todo o aprendido durante a súa actuación no Go!Go!Zo!, cun concerto en formato big band no que tocarán, de xeito simultáneo, os temas preparados durante a súa estadía no campamento.

Xunto a eles, a programación desta xornada contará coa actuación dos grupos QDL e ONDA DAGDA, pertencentes á Escola do Rock de Santiago de Compostela, ás 20:00 e 20:45 horas respectivamente; e de Coisa Mansa, banda residente da Escola de Rock de Paredes de Coura, ás 21:30 horas. 

O XeneraSon Camp! trátase dunha iniciativa transfronteiriza inédita que permite a mozos e mozas de Galicia participar nunha formación inmersiva dunha semana de duración na Escola do Rock Paredes de Coura.

XeneraSon Camp!, unha novidosa actividade de Go!Go!Zo!

O XeneraSon Camp! trátase dunha iniciativa transfronteiriza inédita que permite a mozos e mozas de Galicia participar nunha formación inmersiva dunha semana de duración na Escola do Rock Paredes de Coura.

Un campamento formativo que está tendo lugar entre os días 16 e 22 de xullo, incluíndo diversos concertos nos que os mozos e as mozas participantes poderán aplicar todo o aprendido en rigoroso directo. 

O Festival Go!Go!Zo!

Tras dúas primeiras edicións celebradas cun rotundo éxito, Go!Go!Zo! posiciónase coma un festival de referencia en Santiago de Compostela. Cunha ampla programación que vai moito máis aló dos concertos, o evento extende a súa programación dende principios de xuño ata finais de setembro.

Así, o emblemático escenario do Monte do Gozo acollerá actividades coma Ritmos no Camiño, con picadiscos que farán soar música dos principais países emisores de peregrinos; Go!Zo!Jam!, un espazo que buscará dar proxección aos creadores e creadoras con máis proxección do país; un programa Catividades, cunha ampla programación gratuita para os máis pequenos da casa.

A este amplo programa súmanse outras moitas actividades, a meirande parte de balde, como masterclass de Zumba, exhibicións de baile, unha macroactuación da escola A Casa do Rock ou xornadas solidarias.

O calendario completo de propostas, así como todos os detalles sobre o festival, poden consultarse na web.