O Concello apoia un colexio rural agrupado para garantir o futuro destas escolas

Aprobada unha moción do BNG para ampliar o contrato de comedores a estes centros escolares

Os concelleiros Rodríguez e Prol coa profesora da escola Gaioso

Os concelleiros Rodríguez e Prol coa profesora da escola Gaioso / k.m.

Nunha visita á escola infantil unitaria rural de Gaioso (o Eixo), coa que amosaron o seu apoio á campaña de busca de novo alumnado impulsada por esta e polas de Bispo Teodomiro (Marrozos) e a do Rial (Laraño), os concelleiros de Medio Rural, Begoña Rodríguez, e de Educación, Rubén Prol, a edil destacou que as tres representan “unha oportunidade para fixar poboación no rural”. Rubén Prol recalcou que se trata de “proxectos de educación máis personalizada e enriquecedora onde a relación entre alumnado e profesorado é especial”.

En Santiago existen tres escolas infantís rurais “que conservan as sinais de identidade propias”, garantindo “unha idiosincrasia e cultura autóctona propia das antigas unitarias, onde nun mesmo espazo conflúe alumnado de idades diversas, onde poder aprender a través de proxectos colaborativos en contacto coa natureza e en grupos máis familiares”, puxo en valor Prol durante a visita.

Trátase de tres espazos rurais con baixa ratio de alumnado e situadas en contornas naturais privilexiadas, a EEI do Gaioso (O Eixo), a EEI Bispo Teodomiro (Marrozos) e a EEI do Rial (Laraño), onde apostan polo futuro e loitan por non desaparecer elaborando proxectos que permiten unha educación “máis personalizada e máis enriquecedora onde a relación de mestras e alumnado é especial, xa que nos atopamos con docentes con unha profunda vocación”.

“Nós apoiamos a creación dun Colexio Rural Agrupado (CRA), que posibilitaría a supervivencia das tres escolas, tamén como elementos tractores e de fixación de poboación”, explicou a concelleira de Medio Rural.

Tanto Begoña Rodríguez como Rubén Prol recalcaron os beneficios deste tipo de educación “xa que fomentan un ambiente máis familiar, con menor número de alumnado, onde as familias tecen redes de apoio na contorna, o que favorece o aumento da saúde comunitaria”.

Ademais “a contorna na que se sitúan favorece a experimentación, o contacto coa natureza, a posibilidade de cultivar e elaborar alimentos e un extenso espazo para a práctica do deporte e o movemento”, destacou a concelleira, engadindo que estes “son factores que conlevan o respecto e conservación do medio ambiente, o fomento de hábitos de vida saudables e o traballo en equipo, todas aprendizaxes de alto valor para formar á cidadanía do futuro”.

Esta semana, o pleno aprobaba por unanimidade a moción presentada polo BNG, na que trasladaba a necesidade de ampliar o contrato de comedores e servizos de madrugadores para as tres escolas unitarias do rural compostelán, co obxectivo de facilitar a conciliación e garantir a igualdade de oportunidades ás familias nese entorno.

“Unha das medidas que pode facilitar a súa continuidade é que se acollan ao servizo de madrugadores e comedores escolares”, mencionou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do Bloque.