Nace a Comisión de Patrimonio dos Campus co fin de mellorar o estado actual da USC

Encargarase de facer un diagnóstico xeral dos espazos para propoñer propostas que logo desenvolverá a propia entidade // O equipo de expertos espera ter resultados nun ano

Claustro do Colexio de Fonseca, piar fundamental da USC ao tratarse da súa sede orixinal / jesús prieto

Claustro do Colexio de Fonseca, piar fundamental da USC ao tratarse da súa sede orixinal / jesús prieto / lorena rey

Poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico, histórico-artístico e social dos campus da USC é o obxectivo prioritario da Comisión de Patrimonio dos Campus, constituída onte mesmo. O traballo desta comisión basearase en catro eixos estratéxicos: identificar os elementos que constitúen o patrimonio natural, arquitectónico, histórico-artístico e social dos campus; protexelo a través de medidas puntuais a curto, medio e longo prazo; interpretar os recursos patrimoniais para que sexan entendidos e desfrutados pola sociedade, e difundir e poñer en valor o patrimonio da institución universitaria.

“O sentido global da Comisión é o de pensar en que punto está o patrimonio da Universidade e poñelo en valor na medida do posible dialogando coas administracións públicas, especialmente as municipais, que son as que máis directamente poden incidir nisto, para que escoiten as propostas da Universidade, algo que xa fará o equipo reitoral. Nós temos que facer un diagnóstico da situación e pensar certas propostas que comezaremos a traballar a partir de xa”, comenta en conversación con este medio o profesor emérito de Historia Contemporánea Ramón Villares como presidente da comisión.

A súa constitución atópase en consonancia co compromiso que coa cidadanía galega desenvolve a USC, tal e como recolle o obxectivo número cinco do Plan Estratéxico vixente Difundir cara á sociedade a cultura da USC e pór en valor o seu patrimonio histórico, cultural, científico, técnico e natural. Sobre a posibilidade de que se houbera creado anos atrás Villares pensa que puido configurarse con anterioridade “pero cree que está ben que se faga ahora”. En calquera caso, sostén que nace agora porque “é a instituación a que decide”.

Entre as primeiras accións a acometer por parte da comisión, atópase a elaboración dun informe diagnóstico no que se identifiquen fortalezas, carencias e puntos de mellora na xestión do patrimonio da USC coa vontade de definir a situación actual. Ademais, elaborarase un inventario que permita sistematizar a información sobre os elementos patrimoniais da institución universitaria.

A continuación, procederase ao deseño dun plan de acción para a posta en valor do patrimonio da Universidade por parte da comisión, e á elaboración dun informe de intervencións necesarias para a protección dos elementos patrimoniais que inclúa unha análise de custos, tras o cal se acometerá a captación de financiación local e autonómica para a protección e recuperación de elementos patrimoniais xestionados pola Universidade, e a realización das obras e traballos necesarios para garantir a protección e durabilidade do patrimonio dos campus.

No marco do terceiro eixo de actuación relativo a interpretar os recursos patrimoniais para que sexan entendidos e desfrutados pola sociedade, a comisión contempla adaptar o discurso histórico ou científico sobre o elemento patrimonial á realidade social. Neste senso, abordarase a elaboración de sinalética que permita contextualizar os elementos patrimoniais dos campus, así como o deseño de rutas guiadas e autónomas polos campus da universidade.

Finalmente, definiranse os mecanismos necesarios para a posta en valor do patrimonio da USC no que atinxe á súa visibilidade e promoción ao conxunto da cidadanía a través da publicación do inventario patrimonial con datos en aberto accesibles para o público en xeral; a promoción dos itinerarios e visitas guiadas; a creación de mapas por campus que permitan xeolocalizar os elementos patrimoniais da USC; a elaboración dun directorio de servizos da universidade dispoñibles para a cidadanía en xeral; así como dunha rede de divulgación dende o prisma da ciencia aberta para a cidadanía. A creación de convenios con institucións locais e autonómicas para asegurar a perdurabilidade dos elementos patrimoniais e servizos prestados nos campus da Universidade completan a listaxe de accións a executar.

Para traballar nesas liñas “faremos unha posta en común dos nosos pareceres sobre os campus, asistidos pola vicexerencia no aspecto técnico co fin de ter a documentación necesaria e mapas, e a partir de aí sairán propostas”. Villares manifesta que non se propoñen ter resultados de inmediato. “Podemos facelo con certa calma porque o prioritario é que as propostas sexan viables e que poidan ser asumidas por quenes as leven á práctica”, comenta. Con todo, o presidente da comisión confía entón en ter resultados concretos no vindeiro ano, grazas á axuda da Xerencia “quen nos anunciou que nos daría soporte no que se precisara”.

“Isto vai a favor da Universidade, das propias cidades, Santiago e Lugo e da cidadanía en xeral”, engade.

A Comisión de Patrimonio dos Campus estará integrada, ademais de Villares, por Javier Ferreira, xerente; Pilar Murias, vicerreitora de Estudantes e Cultura; Rosa Romero, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE); Tomás Cuesta, profesor da EPSE; Santiago Lamosa, tamén profesor da EPSE; Federico López Silvestre, director do departamento de Historia da Arte e Rubén Lois, profesor de Xeografía; Edelmiro López, director do departamento de Economía Aplicada; María Jesús Aira, catedrática de Botánica, e Remigio Paradelo, profesor da área de Edafoloxía; así como por persoal da Xerencia como Xosé Antonio Rubal (responsable da área de Infraestruturas), Antonio Ramos (da área de Operación de Infraestruturas) e Carmen García (arquitecta da área de Infraestruturas).