A Cámara de Comercio envía a Nantes a xente nova para participar nun evento creativo

No marco do proxecto AYCH a pasada fin de semana reuníronse 30 mozos en Santiago

Mercedes Rosón

Mercedes Rosón / ECG

Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago organizou a pasada fin de semana o evento Local Creative Jam Hackathon, que tivo lugar na súa sede do Polígono de Costa Vella, onde un total de 30 mozos e mozas de toda Galicia participaron no evento co obxectivo de traballar na creación de propostas enfocadas no lema “Cara o 2030: Reinventa a cidade do futuro”, onde tiveron a oportunidade de empregar o deseño, o pensamento creativo e a tecnoloxía para crear prototipos para os espazos urbanos do futuro.

Durante a xornada do sábado tivo lugar o acto de benvida ao grupo cun entretido xogo co obxetivo de romper o xeo entre os diferentes participantes. Este día tamén se impartiron os talleres: “Creación de modelos 3D”, “Introdución á intelixencia artificial”, “Podcasts para todos” e “Mozilla Hubs: ferramentas RV”. A maiores formáronse diferentes grupos de traballo nos que cada participante aplicou as súas ideas e prototipos para finalmente presentar os seus proxectos ante o xurado que elixiría ao equipo gañador. O domingo foi o día no que os equipos remataron os seus prototipos para facer a presentación final ante o xurado e o resto de participantes. Das diferentes propostas saíron seleccionadas as dos equipos “In Club: lecer nocturno inclusivo” e “Regglax: contorna illamento estrés diario” para participar como representantes compostelás no encontro internacional de Nantes que terá lugar a finais do mes de maio.

Durante o encontro participou Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural, Políticas de Igualdade e Centros Socioculturais, en representación do goberno municipal, e Rosa Mary Cardeso Trillo como secretaria xeral da Cámara de Comercio.