Gonzalo Muíños aféalle ao goberno que poña en risco a subvención da Deputación para a Casa da Xuventude

O portavoz dos socialistas no Concello recalca que a proposta que negociara o seu goberno “garantía que o 80% dos usos que se lle deran a esta dotación pública redunden en beneficio da veciñanza”

Muíños insiste na necesidade de darlle continuidade ao proxecto da Casa das Persoas Maiores en San Pedro de Mezonzo logo de formalizarse a cesión do inmoble.

Gonzalo Muíños na sala de prensa do Pazo de Raxoi

Gonzalo Muíños na sala de prensa do Pazo de Raxoi / PSdeG

ECG

Logo de que o goberno local encabezado polo BNG anunciara nos últimos días a prórroga de tres meses para facer efectiva a cesión da Casa da Xuventude á Deputación no marco do convenio polo que a administración provincial destinaría preto de 2 millóns de euros para a súa rehabilitación, o portavoz dos socialistas amósase sorprendido e cualifica de “falta de coherencia” esta decisión. Precisamente, durante a campaña electoral, a actual alcaldesa prometera derribar este equipamento público: “o grupo socialista teno moi claro, hai que facer efectivo o convenio para rehabilitar este equipamento público para o uso da cidadanía, ao tempo que se incorporan dúas aperturas cara ao parque de Belvís” recalcou Muíños. De este xeito, a Casa da Xuventude incorporaría dous accesos, un a través da antiga finca das monxas, onde actualmente se atopa o cancelón; e outro desde a rúa de San Pedro, tal e como está recollido no Plan Especial actualmente vixente.

“Somos imprescindibles para chegar a calquera tipo de acordos”

O portavoz do grupo municipal esixiulle á actual alcaldesa “diálogo e transparencia” ante un proxecto para o que o goberno anterior conseguira unha subvención de preto de dous millóns de euros: “a aportación económica do Concello é mínima, e con esta actuación dotaríamos o casco histórico dun auditorio, un espazo de coworking e todo o segundo andar estará ao servizo da cidadanía”.

“O proxecto ten que pasar tamén por nós. Somos imprescindibles para chegar a calquera tipo de acordos” recordou Muíños, que atopa neste primeiro asunto de calado do novo goberno “unha contradición entre o que prometeron en campaña e o que agora semella que van facer”.

A Casa das Persoas Maiores: “imprescindible para fomentar un envellecemento activo"

A preguntas das xornalistas, Gonzalo Muíños defendeu tamén o proxecto da Casa das Persoas Maiores para a que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións acordou a adscrición ao Concello de dous locais propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social na rúa de San Pedro de Mezonzo nun prazo de 25 anos.

Muíños insistiu na necesidade de crear este espazo para desenvolver “actividades lúdicas e que fomenten un envellecemento activo: “un 23,5% dos residentes en Santiago teñen 65 anos ou máis, o que supón case un cuarto da poboación”, e ademais “arredor dun 20% destas persoas maiores viven soas”, unha “realidade social que é máis relevante na zona de Ensanche e mesmo na Pontepedriña, no que esta porcentaxe pode subir ata case un 30%”, sinalou o portavoz dos socialistas en Raxoi.