Un cribado destapa corenta positivos por tuberculose na DomusVi de San Lázaro

O centro, con 156 prazas, só conta cunha enfermeira e dúas ‘supervisoras’ e cando lle corresponden cinco sanitarias

O 58% das prazas (91) son de titularidade concertada

Imaxe de arquivo da residencia DomusVi de San Lázaro

Imaxe de arquivo da residencia DomusVi de San Lázaro / ECG

A finais desta semana saltaba a alarma en relación coa residencia de maiores DomusVi de San Lázaro, por mor dun brote de tuberculose. O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO) denunciaba, nun comunicado enviado aos medios, a existencia “dende hai semanas, dun gromo de tuberculose que vén padecendo o centro, o que agrava a situación pola falta de persoal de enfermaría”. Dito brote, do que Isabel Salgado, delegada de CC.OO, asegura que se detectou o primeiro doente hai case un mes, non lle foi comunicado ás familias até o pasado luns, segundo informa o presidente de REDE (Federación de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Paulino Campos.

“DomusVi deu a coñecer o brote ás familias o luns pasado, non temos noticia de que haxa máis que un caso, e informaron de que se cribaría a residentes e persoal”, compartía Paulino Campos con EL CORREO, que aseguraba que alén da comunicación, “por correo electrónica” da residencia, “as familias están sen noticias de Política Social ou do Sergas”. Contraria a esta información que DomusVi compartiu coas familias dos usuarios de San Lázaro, Salgado asegura que do cribado realizado saíron “máis de 40 positivos”, e explica que aínda onte se lle fixo o cribado ao persoal traballador. A respecto do cadro de persoal, a delegada tamén denuncia “estamos sen enfermeiras, denunciámolo a Política Social hai meses, o médico pasou de estar a oito horas a estar só a 4, estamos peor que antes da Covid”, di en referencia ao drama vivido na residencia durante a pandemia, cando faleceron máis de 50 maiores.

Tanto Isabel Salgado como Paulino Campos denuncia que polas dimensións da residencia, 156 prazas (das que o 58% son concertadas), correspóndelle cinco enfermeiras, máis a súa información difire no relativo ao número destas sanitarias que agora mesmo atenden os usuarios de San Lázaro. “Para cumprir a Lei precísanse cinco enfermeiras, agora só hai tres e isto vén de atrás”, comenta Campos. Unha cifra que Isabel Salgado Matiza do seguinte xeito, “nestes momentos só hai unha enfermeira, porque a outra que había está de baixa, e esa falta cóbrena con dúas supervisoras”, puntualiza a delegada de Comisións. Segundo a normativa, nunha residencia con máis de 40 usuarios, é preciso un servizo de enfermaría de 24 horas. “Non estamos a loitar polos nosos dereitos” reivindica, e denuncia tamén que non se está a cumprir a nova normativa da Xunta canto ao trato aos maiores, “os residentes seguen atados”.

EL CORREO contactou con Política Social sobre este brote de tuberculose, que respondeu que “os servizos de inspección da consellaría realizaron varias visitas á residencia” nestes meses “a última hai tan só unhas semanas e durante estas visitas detectouse que non se conta con servizo de enfermería as 24 horas, xa foi requerida a súa subsanación ao centro, chegando mesmo a propoñerse a apertura dun expediente sancionador. En calquera caso, a única infracción detectada foi esta, en ningún caso está relacionada co trato que reciben os usuarios”. Algo no que non confían nin Isabel Salgado nin Paulino Campos. “DomusVi dinos que non pensa pagar máis enfermeiras, fixemos un comunicado con isto e enviámolo a Política Social para que interveña San Lázaro”, explica Salgado, máis dende a consellaría non recibiron resposta. Campos quéixase de que dende a dirección da residencia se excusan en que “no mercado non hai enfermeiras para residencias”, para engadir que “hai 8.000 que poderían estar dispostas por unhas condicións laborais dignas”.

A redacción deste xornal tentou aclarar todos estes puntos coa dirección e xerencia de DomusVi San Lázaro, mais ao peche da edición non se recibiu resposta pola súa parte.

Defensor do paciente

Ante esta situación, a asociación Defensor do paciente presentaba onte ante o fiscal superior de Galicia a solicitude da apertura “de una investigación judicial por el brote de tuberculosis”. Na carta remitida á Xustiza, a presidenta da asociación, Carmen Flores, pedía a “intervención” do fiscal para determina a situación dos maiores afectados pola doenza. Advertía tamén que se trata de persoas vulnerables que “ que “no tienen la posibilidad de salir corriendo del infierno de estas residencias a las que solo les importa el dinero que reciben de las administraciones y de las familias que las llevan a un lugar de cuidado”. O escrito engadía que a Xunta parece estar “inoperante” ante esta situación.