Santiago e Ames traballarán en conxunto para que o Parque de Bombeiros Comarcal sexa unha realidade

A alcaldesa da capital galega recalcou que xa "puxemos enriba da mesa a necesidade de que o goberno do Estado non o tome coma un servizo normal, senón novo"

Xuntanza entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Ames, Blas García

Xuntanza entre a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Ames, Blas García / Jesús Prieto

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Ames, Blas García, reuníronse esta martes con parte dos seus equipos de goberno para tratar temas conxuntos e que afectan dos dous municipios e que, nalgúns casos afectan a toda a comarca, entre eles a licitación da EDAR da Silvouta e o Parque de Bombeiros comarcal.

Sobre este último, Goretti Sanmartín explicou que “leva anos pendente pero entendemos que debe ser unha realidade”. “Imos traballar conxuntamente e ver co Consorcio de Bombeiros, coa Deputación provincial e coa Xunta (en referencia á reunión do 2 de outubro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda) para ver se hai disposición dende as diferentes administracións de ver cales son as condicións nas que se pode desenvolver ese Parque Comarcal de Bombeiros, e o servizo que se preste ao conxunto de concellos da comarca, algún deles tan importante como é o de Ames, que non o ten”, apuntou.

A alcaldesa de Santiago recalcou que xa “puxemos enriba da mesa a necesidade, tamén por parte do goberno do Estado, non se tome isto coma un servizo normal, senón novo”. Sanmartín agarda que se poida, “coma xa se fixo noutras ocasións”, incluír na Lei de acompañamento aos Orzamentos do Estado coma un servizo novo, “ao pasar de local a comarcal” e desta maneira “non se teña en conta a taxa de reposición e se poida contratar novo persoal”.

A este respecto, o alcalde de Ames, Blas García lembraba que “levamos anos, moitos anos, o concello de Ames e os demais concellos da comarca estudando a posibilidade de que sexan os bombeiros de Santiago os que atenda a comarca”. García detallou que o municipio que rexe “depende dos bombeiros de Boiro, que á súa vez dependen da escada dos Bombeiros de Ribeira, o que supón unha espera de 50 minutos que a veciñanza non entende, tendo un parque de bombeiros aquí ao lado, en Santiago”. O alcalde de Ames lembrou que había “un acordo político” pero faltaba o “aspecto técnico” e foi interrompido polas eleccións.

Blas García aproveitou para solidarizarse cos bombeiros “formei parte do Consorcio e agora mesmo a situación dos parques comarcais é complicada, levan tres meses en folga sen que a Xunta ou o Consorcio se reúnan con eles, non é de recibo”. O alcalde de Ames engadiu que “son profesionais e temos que ter claro que debemos apostar polos servizos públicos de calidade e, en especial nas emerxencias”. García insistiu tamén en que “o que reivindican os bombeiros non son cousas extraordinarias nin difíciles de cumprir: consolidar postos de traballo, e xa hai sentenzas que din que ten que ser así, e unificar convenios, porque actualmente en Galicia hai oito diferentes entre os traballadores, simplemente hai que ter vontade, sentar con eles e chegar a acordo”. García rematou facendo un chamamento a todas as administracións para que se poida resolver esta situación.

Recuperar o río Sar

A licitación da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) da Silvouta foi outro dos temas estrela da reunión entre os gobernos de Ames e Santiago. “Esta licitación é fundamental para non seguir contaminando os ríos”, afirmou Sanmartín. A alcaldesa explicou que a intención que se lle manifestou foi a de que a licitación estaría lista este ano e as obras comezarían en 2024 para rematar en 2026. “Seguimos reclamando unha implicación económica máis grande por parte das administracións”, concluíu a alcaldesa de Santiago. 

“A licitación da depuradora vén arrastrándose desde hai moito tempo chega tarde, pero chega e a nós axúdanos na súa limpeza”, dicía Blas García, que agarda que axude no saneamento dun Sar “totalmente contaminado”. O alcalde de Ames insistiu en que a veciñanza dese concello reclama a súa limpeza e mesmo os maiores afirman que “era un río troiteiro, hoxe en día é impensable que poida haber alí nada con vida, esperemos que a partir do 2026 poida o río Sar recuperarse”. 

Mobilidade e servizos públicos

A mobilidade entre os dous concellos, tan veciños e vencellados polo trafego de persoas traballadoras entre un e outro lugar, foi outro dos temas tratados na xuntanza de onte en Raxoi, xunto a cuestións coma servizos públicos ou proxectos “estancados” como Compostela Rupestre, para a protección e divulgación do patrimonio arqueolóxico da comarca de Santiago.

“A mobilidade entre os dous concellos é moi importante”, enfatizaba Blas García, “centos de veciños de Ames veñen diariamente a Santiago a traballar e facer xestións e outros, sobre todo os do Milladoiro, aos que lles gustaría poder vir Compostela andando por unha senda en condicións, que parece que se vai arreglar”,