Abre o novo parque da Praza de León

Membros da Corporación no novo parque da praza de León / cedida |  CEDIDA

Membros da Corporación no novo parque da praza de León / cedida | CEDIDA / redacción

Redacción

O barrio de Pontepedriña contará dende hoxe cun novo parque na recentemente remodelada praza de León. O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, asistiu onte á sinatura da acta de recepción da obra, trámite previo á apertura do novo equipamento.

Segundo sinala o Concello, os traballos consistiron no redeseño da praza, situada no grupo de vivendas Cardenal Quiroga, priorizando o uso estancial e lúdico. O proxecto recolleu a integración dunha zona de xogo, o cambio da pavimentación, melloras na accesibilidade e un axardinamento da contorna.

A nova zona de xogos ten un carácter singular dentro da praza, nunha área circular acoutada, cun pavimento interior de caucho de cores acordes aos novos xogos infantís. O resto do espazo queda libre para outras actividades. A remodelación contou cun investimento de 187.550 euros e foi cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.