O PP sumáse ás demandas dos veciños de Concheiros para que se repoña a parada do autobús

Reclama ao Goberno do BNG que busque unha alternativa como pediron 60 persoas nun escrito remitido ao Concello o mes pasado 

Adrián Villa cunha das veciñas afectadas pola falta da parada de bus

Adrián Villa cunha das veciñas afectadas pola falta da parada de bus / Cedida

Redacción

Durante dous anos os autobuses urbanos non puideron dar servizo á rúa de Concheiros por mor das obras de reurbanización da vía que provocaron múltiples protestas veciñais. Pero máis dun ano despois de que se restablecese a circulación na zona, o servizo segue sen ser o mesmo que había con anterioridade. Falta a parada de bus que estaba fronte ao Gadis. O PP de Santiago súmase ás demandas dos habitantes do barrio, que esixen que se recupere.

A través dun comunicado, os populares de Santiago informaron este venres de que o concelleiro Adrián Villa, visitou a rúa dos Concheiros onde, despois da urbanización da mesma, a veciñanza perdeu a súa parada de autobús urbano. O edil, que se reuniu cos veciños, tivo acceso á copia do escrito presentado no rexistro municipal o pasado mes. Neste figuran máis de 60 sinaturas da veciñanza solicitando a recuperación desa parada que a liña C11, que sobe pola rúa de San Pedro, viña realizando. 

Villa sumouse a esta demanda veciñal que tildou de “lícita e que, con vontade política, tería unha sinxela solución”. O concelleiro puido comprobar que, onde se atopaba a parada, ante un supermercado, quedou un espazo no que previsiblemente podería manterse este estacionamento para autobuses. Porén posteriormente empregouse este lugar para colocar os colectores de lixo subterráneos, “polo que agora non sería posible ou tería unha custosa e difícil solución”, indica o Partido Popular. 

Non obstante, o concelleiro salientou que existen outras alternativas para que o autobús realice a súa parada, pero “é cuestión de vontade política, algo que parece que lle falta a este goberno do BNG”. 

O edil Adrián Villa xustificou esta demanda posto que, desde o cruceiro da Coruña ata a avenida de Lugo non existe outra parada de autobús. Ademais o popular lamentou que “logo do que a veciñanza dos Concheiros sufriu con estas obras, non é comprensible eliminar unha parada de autobús que levaba alí toda a vida”.