A USC é pioneira en innovación educativa e avances científicos, segundo o Informe CYD 2023

A institución eríxese como un referente en investigación e compromiso social, ademais alcanza novas cimas de excelencia neste documento sobre a calidade universitaria

Investigadora da USC nun laboratorio do CIMUS

Investigadora da USC nun laboratorio do CIMUS / SANTI ALVITE

Gabriel Fernández Blach

A Universidade de Santiago de Compostela emerxeu como exemplo de excelencia educativa e motor de descubrimentos científicos transcendentais, segundo o recentemente publicado Informe CYD 2023. Nesta avaliación exhaustiva, a USC non só destaca no panorama nacional, senón que a súa influencia proxéctase globalmente, consolidándose como unha institución pioneira en múltiples disciplinas. O informe detalla o vangardismo da USC na transformación do ensino superior, “impulsando métodos innovadores” que potencian as disciplinas e o desenvolvemento integral dos estudantes. Esta estratexia non só se traduce nunha “calidade educativa excepcional”, senón que tamén prepara aos alumnos para os desafíos do século XXI. Un dos piares fundamentais que resalta o informe é o “liderado indiscutible” da USC na esfera da investigación.

Con “avances notables” en áreas como a biomedicina, a intelixencia artificial aplicada á saúde, a sustentabilidade ambiental e as humanidades dixitais, a universidade logrou posicionarse na “vangarda do coñecemento científico a nivel mundial”. Este logro vese reflectido na produción de traballos de alta calidade, publicados en revistas de renome internacional. A USC tamén se destacou polo seu compromiso coa sociedade, implementando programas de voluntariado, colaboracións con empresas locais e proxectos de transferencia tecnolóxica que buscan impactar positivamente na súa contorna.

Ademais, a internacionalización converteuse nunha prioridade, fomentando o intercambio estudantil e a colaboración en investigacións con “institucións de prestixio” ao redor do mundo. A pesar destes logros “sobresaíntes”, a USC enfronta desafíos cruciais no seu camiño cara á excelencia. A adaptación a unha contorna educativa en constante evolución, a procura de financiamiento para proxectos de investigación ambiciosos e a promoción da igualdade de oportunidades son áreas nas que a institución está a enfocar os seus esforzos. Con todo, o informe tamén revela un “futuro prometedor” para a institución académica. Cunha mirada estratéxica e un compromiso “inquebrantable coa mellora continua”, a universidade atópase nunha posición sólida para seguir avanzando e consolidar a súa “posición como líder no ámbito académico e científico”.

Marca a pauta no futuro da educación superior

A USC destaca como un “exemplo vivente de como a dedicación, a innovación e o compromiso” poden transformar unha institución educativa nun “faro de coñecemento e progreso”. O Informe CYD 2023 validou non só os seus logros pasados, senón tamén a súa capacidade para seguir “marcando a pauta no futuro da educación superior” e a investigación en España e máis aló.

No eido das cifras concretas que se presentan neste informe, deixase constancia do aumento que España experimentou nos últimos cinco anos en relación coa inversión en investigación e desenvolvemento sobre o PIB. Creceu do 1,19 no ano 2016 ata o 1,43 no 2021. Dentro deste aumento destacan as institucións de carácter privado que non teñen ánimo de lucro, xa que son as que máis impulsan a inversión. Concretamente, nese último ano invertíronse 17.249 millóns de euros na investigación e no desenvolvemento. Isto significa un gran impulso para a inversión neste eido, pero segue ubicando a España no grupo de países que menos diñeiro destinan a investigar. Alén dos cartos destinados para I+D, tamén hai un aumento de cifras no relativo á produción científica.

No conxunto de España aumentou máis do 14% no período dende 2019 ata 2022, alcanzando os 120.614 traballos publicados neste último ano, pero non logra conquistar as dez primeiras posicións a nivel mundial (quédase no duodécimo posto). Dentro destas cifras de produción científica a USC aporta 10.001 documentos publicados durante ese período de catro anos, tendo en conta que se trata dun período afectado pola pandemia da Covid-19. A institución académica compostelana lidera a produción en Galicia, quedando por detrás dela a UVigo (7.634 documentos) e a UDC (4.891 documentos).

Por outra parte, o Informe CYD 2023 debulla os datos por áreas de estudo. Na área de Física e de Astronomía a Universidade de Santiago atópase entre os tres primeiros postos da clasificación no relativo a “impacto normalizado ponderado” cun 2,39% ; compartindo ese podio coa Universitade das Illas Baleares (2,80%) e coa Universitade de Valencia (2,28%). É dicir, a pesar de non liderar a produción española en cifras absolutas, si que se atopa nos postos altos da táboa que mide a calidade relativa das publicacións, tendo en conta as citas que recibiron estas obras. Ademais, destaca que a USC consegue superar a media mundial de citación nesta área.

Na Ciencia dos Materiais tamén destaca a universidade compostelá, coándose no “top 3” de “excelencia con liderado” cun 6,11%. As outras dúas institucións que completan estas posicións clasificatorias son a Universitade Jaume I (6,79%) e a Universidade das Illas Baleares (5,56%). Este índice mide “o número de traballos publicados entre o 10% dos máis citados de cada categoría nos que a institución liderou a investigación”. Nas Matemáticas tamén acada unha cifra exitosa no “impacto normalizado ponderado”, conseguindo a segundo posición a nivel español cun 1,58% fronte ao 1,66% da Universidade Politécnica de Cartaxena e o 1,46% da Universidade de Salamanca. Ademais, neste caso tamén volve a superar a media de citación mundial. Estas cifras conseguidas pola USC demostran un fito neste informe.

A institución compostelá consegue ser unha das tres universidades españolas que alcanzan un “top 3” en máis dunha área de produción científica na categoría de “ impacto normalizado ponderado”. Por último, alén do panorama xeral do campo da investigación, a USC foi a universidade galega que menos reduciu a súa produción no período 2018-2021, un -0,7%. A UVigo tivo -7,54% e a UDC -1,72%.