A incidencia da gripe contribúe a aumentar o colapso que padecen as urxencias do CHUS

En 24 horas atendéronse 595 pacientes dos que 174 non recibiron alta hospitalaria

O pico de contaxios aínda está por chegar, agárdase que se produza a finais do mes de xaneiro

Un helicóptero medicalizado y una ambulancia en el CHUS de Santiago

Un helicóptero medicalizado y una ambulancia en el CHUS de Santiago / Antonio Hernández

A incidencia da gripe ‘común’ ou gripe A está a acadar niveis de epidemia en toda Galicia, tamén en Santiago, onde a chegada de pacientes ás urxencias do Hospital Clínico (CHUS) contribúe a agravar os colapsos que se veñen producindo nos últimos meses. Un colapso que dende o centro hospitalario se atribúe precisamente á incidencia da gripe, mentres que dende a Asociación de Pacientes denuncian unha vez máis fallos no plan de continxencia do CHUS, así como falta de previsión ante unha situación que se produce cada ano.

Dende o CHUS, o inmunólogo José Gómez Rial, apunta a que o incremento da incidencia se debe ás consecuencias da pandemia, “despois de varios anos onde practicamente só había circulación da Covid, este inverno coa chegada do frío aparecen outros virus respiratorios” aínda que tamén hai casos de coronavirus menos graves, a perda da inmunidade que acumulábamos produce ese aumento.

O inmunólogo tamén advirte que “non estamos aínda no pico e esperase para finais de xaneiro, serán semanas moi complicadas polo que é importante vacinarse da gripe”. Apela a que a cidadanía faga “un uso responsable dos servicios sanitarios” e asegura que os cadros de persoal das urxencias foron reforzados.

Segundo os datos publicados pola área sanitaria de Santiago e Barbanza na súa web, en 24 horas (entre o martes e o mércores), acudiron ás urxencias do CHUS un total de 595 persoas, das que 421 foron dadas de alta e as 174 restantes permanecían no hospital. Unhas cifras que para Fernando Abraldes, presidente da Asociación de Pacientes non son altas, “os problemas respiratorios e de gripes danse cada ano, é algo previsible”. “O plan de continxencia non está a funcionar e nin sequera estamos no pico de contaxios”, asegura.

Abraldes lembra que o pasado 22 de decembro, o xefe de servizo de servizo das urxencias do CHUS, Plácido Mallán, decidiu pechar “postos de atención por falta de persoal para atender os enfermos”. 

O día 26 “ás 16 horas había 32 pacientes graves, en padiolas e cadeiras de rodas, que estaban aparcados nos corredores de acceso e adxacentes agardando e ser atendidos, mentres 34 pacientes co ingreso asignado ocupaban as zonas de traballo e atención en espera de que se lles asignara unha cama en planta”.

Unha situación de colapso “recorrente” que dende a asociación consideran que non pode ser imputable ao aumento da gripe. A área sanitaria conta na súa web que nese período de 24 horas foron ingresados dende urxencias 83 pacientes, a maior parte deles pola tarde, o que fai un total de 801 pacientes en hospitalización médica (35 dos cales ingresaron directamente) e só o 53% das camas desa área están ocupadas.

Un dato que indigna á Asociación de Pacientes, “non se está protexendo adecuadamente o dereito fundamental a saúde, cando o nivel de ocupación hospitalaria, nas últimas 24 horas foi do 53%, e que se manteñen centos de camas pechadas por falta de persoal de enfermaría e de facultativos. Ou cando as obras do Gil Casares acumulan demoras intolerables e impiden a dispoñibilidade de 73 camas das unidades de medicina interna e de media estancia”.

Atendendo ao dato daqueles pacientes das urxencias “con ingreso asignado” permanecían tamén nas áreas de traballo e atención das urxencias. A atención dos enfermos nos corredores hospitalarios implica para esta entidade, que “non só se está a producir un agravamento da súa situación de saúde, senón que se está a vulnerar a súa esfera íntima, conculcando o dereito constitucional á dignidade e á intimidade”.  

Por todo isto, denuncian una vez máis que o caso das urxencias do CHUS está provocado por “un colapso estrutural, queren que isto se normalice e que a cidadanía asuma que o corredor é unha zona de atención e non estamos dispostos a iso”, afirma taxante Fernando Abraldes.

Repercusión nas farmacias

Unha das farmacias consultadas por este diario, Gutiérrez del Olmo (na rúa Restollal) confirmaba tamén a incidencia que os virus de gripe e Covid están a ter nas súas vendas diarias. “Dende as dúas últimas semanas o número de test de antíxenos e de medicamentos para infeccións respiratorias que desapachamos aumentaron considerablemente”, contan dende esta farmacia, cifran o incremento deste tipo de vendas entre o dobre e o triplo que antes de que comezaran o aumentos dos contaxios da gripe.