O PSdeG leva a Pleno a declaración de zona tensionada para Santiago

Denuncian que a Xunta non executa as políticas de vivenda "da súa competencia"

Gonzalo Muíños: "o Goberno galego leva máis dunha década sen regular o parque residencial baleiro"

A proposta debaterase en Raxoi o 29 de xaneiro

A declaración de zona de mercado tensionado permitiría regular os alugueiros

A declaración de zona de mercado tensionado permitiría regular os alugueiros / Jesús Prieto

O vindeiro 29 de xaneiro, no Pleno local, o Partido Socialista presentará unha proposición para que o Goberno local inste á Xunta de Galicia a declarar Santiago zona de mercado residencial tensionado. A iniciativa presentárona este martes os edís Gonzalo Muíños e Mercedes Rosón, que tamén reclamaron un regulamento para o parque de vivenda baleira da cidade, que supón un 11% da construción habitacional (arredor de 6.000 residencias).

A decisión dos socialistsa responde, segundo Muíños, "á ausencia de políticas de vivenda por parte da Xunta", cando é unha das competencias da Autonomía. O obxectivo de declarar Santiago zona residencial tensionada, ao abeiro da Lei12/2022, é o de coutar os prezos dos alugueiros para así contribuír a que a cidade teña unhas condicións de acceso á vivenda "asumibles e accesibles", tanto para o estudantado coma para as familias novas.

Segundo Mercedes Rosón, a Xunta, que incluíu unha disposición adicional sobre esta cuestión na Lei de medidas fiscais dos orzamentos para 2024, "nunha especie de autoemenda do PP", supón unha rectificación con matices -a Xunta inicialmente declarou que non aplicaría esta lei estatal- xa que "a formulación da lei galega produce unha transferencia das competencias de vivenda aos concellos".

Os edís socialistas Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños no Pazo de Raxoi

Os edís socialistas Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños no Pazo de Raxoi / ECG

Se Muíños apuña á Administración autonómica "deixadez de funcións" nesta materia, Rosón ía máis alá e falaba de que a Xunta "lávase as mans e mantén unha intención de botar balóns fora". Por iso, os socialistas composteláns levarán a cuestión ao Pleno, para que o Goberno local faga esa solicitude e cree unha mesa sectorial na que reúna colexios profesionais, axentes da propiedade inmobiliaria e promotores de vivenda.

"O problema da vivenda en Santiago está lastrando o crecemento da cidade", afirmaron os socialistas, pero segundo os seus datos a capital galega cumpre coas condicións para ser declarada zona tensionada. "Existe unha taxa de esforzo elevada", afirmaba Rosón, "é dicir, que máis do 30% da renda dispoñible da unidade familiar destínase ao pago do alugueiro e dos gastos da vivenda".

Ademais a edil fixo referencia a evolución dos prezos do alugueiro, que segundo os datos ofrecidos polo Observatorio de Vivenda da Xunta, aumentou dos 408,7 euros ao mes en 2017, a 517 en xullo de 2023 e a 554,5 euros só un mes despois. A este informe o PSdeG achegoulle tamén o realizado por Atlas Real State Analytics, que afirma que o 82% dos fogares de Santiago están en zonas tensionadas, en especial na zona centro da cidade. Así, na zona vella o alugueiro medrou un 76% nos últimos 5 anos, un 62,35% no Castiñeiriño e un 61% en Santa Marta.

Regular VUT e reactivar a vivenda baleira

Mercedes Rosón e Gonzalo Muíños reivindicaron o traballo realizado polo anterior Goberno municipal socialista, lembrando medidas de "regulación dos usos residenciais turísticos". Cuestión pola que lle lembraron ao bipartito que a cidadanía segue "á espera dunha ordenanza que regule os usos preexistentes, logo de seis meses no goberno".

Outro dos avances do goberno de Sánchez Bugallo que os edís Rosón e Muíños puxeron sobre a mesa foi promover a creación do rexistro de soares, materia na que denunciaron que "a Xunta bloquea a definición do que é vivenda baleira a través dunha norma autonómica dende hai máis de dez anos". Segundo o PSOE, se a Administración autonómica de existir esta definición "poderíase actuar mediante penalizacións, por exemplo, en forma de tributacións superiores".

Os socialistas lembraron que o parque de vivendas baleiras en Santiago, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) supón o 11% do total de residencias construídas na cidade, o que eleva a cifra a unhas 6.000.