Verea pide ao Goberno de Santiago que “se poña a traballar” para lograr a declaración de zona tensionada

O líder do PP local considera unha “tomadura de pelo” que se pida esta consideración a través dos medios

O deputado autonómico e líder do PP de Compostela, Borja Verea, no Pazo de Raxoi

O deputado autonómico e líder do PP de Compostela, Borja Verea, no Pazo de Raxoi / CEDIDA

O líder do PP compostelán, Borja Verea manifestouse onte en relación coas palabras da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que expresaba esta semana diante dos medios de comunicación as súas sospeitas sobre que “a Xunta non quere” conceder a Santiago a declaración de zona de alugueiro tensionado, xa que “pode facelo de oficio pero ponlle deberes aos concellos”.

Para Borja Verea este xeito de proceder é “unha tomadura de pelo” e pídelle ao Goberno nacionalista “que se poña a traballar”. “O primeiro que ten que facer o BNG é deixar de criticar outras administracións, porque se o que queren é que lles fagan outros o traballo deberían deixar paso aos que si temos ganas de crear un Santiago de futuro e de xestionar con seriedade e rigor a capital de Galicia”.

O líder do PP tamén fixo referencia ás palabras da alcaldesa, que non poñía prazos para a presentación da solicitude diante da Admnistración autonómica, xustificándose en que os requerimentos da Xunta esixen “informes moi exhaustivos”.

“Como é posible que se queixen de que terán que redactar informes moi exhaustivos que levarán semanas de traballo?”, preguntábase ao respecto Borja Verea, para engadir tamén que “diso trata o de gobernar, non só de saír nas fotos e lanzar mensaxes nos medios, hai que traballar, señores do BNG”.

"Se eu fose alcalde": as propostas do PP

Seguindo isto, Verea expuxo as súas liñas de traballo nesta materia se fose el o rexedor da cidade. “Se eu fose alcalde”, sinalou, “o último que querería é que a Xunta definise a miña política de vivenda na cidade, e menos aínda que decidisen eles cales deberían ser as zonas tensionadas, de aí a importancia de presentar esa solicitude desde o Concello”.

Verea insistiu en a súa política de vivenda non controlaría “os prezos de alugueiro por imperativo legal, porque ese intervencionismo levará a moitos propietarios a sacar do mercado os seus pisos”. Pola contra, para o PP a solución radica en colocar no mercado os milleiros de pisos baleiros da cidade.