“Non vin facer amigos: a min o que me gusta é estar estresado e traballar”

"Levounos moitos meses confeccionar a lista, que representa o Concello xeograficamente e tamén por idades”

Alberto Romar, que será elixido hoxe alcalde de Santa Comba / PSOE

Alberto Romar, que será elixido hoxe alcalde de Santa Comba / PSOE

Con que ánimo collerá a Alcaldía hoxe sábado?

Con moito ánimo... case diría que o orgullo que sinto só é comparable coa gran responsabilidade que asumo, igual que o resto de compoñentes da lista. Temos a moitos amigos e familiares expectantes, pero ao ter maioría absoluta, non creo que haxa sorpresa ningunha.

Ten xa claras as dedicacións?

Temos pensado unha exclusiva para min, porque vou dedicarme só ao Concello con Persoal, Iniciativas emprendedoras e Coordinación, e deixarei a xestión da miña empresa noutras mans. Logo haberá catro parciais para Noelia Baleato, que levará Turismo, Maiores e vaime axudar no día a día; Patricia Val, con Cultura, Deportes, Tecnoloxía, Formación e Educación; Estefanía Calvelo, con Servizos sociais e CIM, e Pablo Negreira, quen se vai encargar de Urbanismo e mais Obras.

Cales serán as súas primeiras actuación dende o goberno?

Reunirnos cos traballadores municipais, porque hai algúns que levan tempo moi presionados. Tamén revisaremos as contas e as obras de última hora.

Vai contar con rexedores do PSOE por todo o seu redor, supoño que é unha moi boa nova...

Penso que é unha oportunidade, pero independentemente das siglas, o 90% das medidas que se toman teñen o mesmo fin. Hai que facer unha boa xestión e unirnos nas peticións que lle dirixamos á Xunta e Deputación, na que temos que lembrar que pasamos de 40 millóns para obras a nivel global a cen gracias a González Formoso. No Goberno galego agardamos un executivo socialista para 2024... que se preparen BNG e Partido Popular.

Pensa que hai que recompoñer o PSOE xalleiro tras perder a Ucha e outros apoios tradicionais?

Non teño nada contra José Antonion Ucha, e non dubido que loitara por Santa Comba na súa etapa, aínda que ao mellor debería ter aberto espazo antes. A miña candidatura está aberta a todos, e xa falei con xente da súa lista e fareino con outras persoas que marcharon no 2015, porque teremos sitio para todo o mundo. Ocorre que cambiamos moito, porque anteriormente se decidía unilateralmente as cousas, e agora somos un partido máis democrático que acorda por consenso. Hai moito traballo por diante.

Por exemplo?

Pois debemos de actualizar moitas das nosas ordenanzas e modernizar o Concello en liñas xerais.

Está claro que non vai precisar do apoio da oposición pola maioría absoluta... agarda que colaboren?

Pois teño que dicir que ata o momento de facer esta entrevista a anterior alcaldesa aínda non me chamara, e semella que non admitiron a derrota. Non houbo contacto, e nós estamos abertos a falar sempre, sobre todo porque temos claro que máis do 38 por cento dos nosos electores votaron polo Partido Popular, e imos telo en conta, por suposto.

É novo na política, tanto por idade como por militancia. A que atribúe o seu triunfo?

Primeiro, penso que por ser unha persoa coñecida. Teño que recoñecer que sempre o tiven todo, grazas a miña familia, que tamén é coñecida, pero podo dicir que vin moitos casos de necesidade. En segundo lugar, penso na miña empresa, que moita xente coñece, e na xestión á fronte da asociación de empresarios. Pero por suposto, tamén está a lista que confeccionamos, que nos levou moitos meses e que representa ao Concello xeograficamente e por idades. Ademais, ninguén pediu nada, e todos os integrantes son boas persoas. A vitoria non veu por casualidade, e iso que nós competiamos con tres alcaldes, ademais de que recuperamos antigos apoios.

Que lle falta a Santa Comba?

Primeiro, modernizar o tema orgánico, porque non hai nada informatizado, e as normas son antiguas. Tamén hai rúas que estiveron varios días sen luz, e os traballadores municipais deben de ter sempre claras as súas competencias. Por outra banda, penso que falta unión, polo que para apaciguar o problema, pido tres anos e medio de unión entre partidos, e o resto do mandato xa pelexaremos. Tamén detecto que falta humildade, e tampouco existe un proxecto a longo prazo, porque por exemplo nunca se pensou en uniformar o mobiliario público. A xestión política debe de ser como a dunha empresa, sempre con eficiencia e planificación, e a persoa debe de quedar nun segundo plano. E para rematar, quero deixar claro que non veño facer amigos: a min o que me gusta é estar estresado, gústame traballar. E igualmente, teño claro que o político debe de saber que o seu posto é temporal.