Cadaval e Celso Sanmartín actúan co espectáculo ‘Narradores’ no Serán de Ames

Será este xoves, 27 de xullo, ás 19.30 h no campo da festa de Bugallido

Cartel da actuación no Seráns de Ames

Cartel da actuación no Seráns de Ames / C. de Ames

redacción

O campo da festa de Bugallido acolle este xoves ás 19.30 horas a cuarta das actuacións do programa Seráns de Ames. Nesta ocasión poderase gozar co espectáculo Narradores no Serán a cargo de Quico Cadaval e Celso Sanmartín. O programa está composto por doce espectáculos para todos os públicos. Cadaval é un recoñecido actor, director e adaptador teatral galego, impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos 90. Celso Sanmartín destaca pola súa faceta como poeta e por ser un dos mellores contadores de contos de Galicia.

O mes de agosto estrearase co espectáculo aéreo La Coquette, de Kanbahiota, que combina humor, circo e moita diversión para todos os públicos. Será o día 3, ás 19.30 horas, en Tapia. O xoves 10 á mesma hora terá lugar en Bugallido unha cita dobre: o contacontos Conto contiño, con Bibiana Calvo e Divina Fernández, e a comedia teatral A gran viaxe, da compañía Inventi. O día 17, Tapia acollerá unha sesión de ludoteca familiar e os xogos de Nerea Couselo, ás 17,30 horas, e a obra Chocolate, de Teatro Calavera, unha actividade que mestura narración oral coa posta en escena teatral, ás 19:30 horas.

O programa pecharase o día 24 en Bugallido coa actuación musical de Brais das Hortas, titulada Consertasso na horta, ás 19.30.