A anguía de Valga vólvese internacional

A terceira edición do Agosto Gastronómico reuniu a tres chefs de Indo e Vindo Gastronomía para adaptar este manxar a receitas de medio mundo

Incluiuse á India, Venezuela, Italia e Tailandia

O evento vai continuar o domingo día 20, cunha sesón de coctelería con caña do país e o 22 con pratos e augardente

Showcooking no que os chefs Garrido, Jamardo e Fariña adaptaron a anguía á cociña internacional

Showcooking no que os chefs Garrido, Jamardo e Fariña adaptaron a anguía á cociña internacional / Concello de Valga

A XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, que chegará a Valga os vindeiros días 19, 20, 25, 26 e 27, continúa a quentar motores, e dentro do III Agosto Gastronómico, o Concello vén de organizar unha ruta internacional no showcooking, que congregou a trinta asistentes no Centro de Interpretación da Caña do País.

Alí, os chefs de Indo e Vindo Gastronomía –Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña– ofreceron un menú composto por catro pratos tradicionais doutros tantos países aos que engadiron a anguía como un dos seus ingredientes principais, demostrando a súa versatilidade.

A viaxe tivo como punto de partida a India, cunhas somosas de anguía con verduras, unhas empanadillas tradicionais do país asiático feitas con masa filo e recheas de anguía cociñada a baixa temperatura (15 minutos a 62 graos) mesturada cun sofrito de verduras e queixo crema. Tras o paso polo forno, engadíronselle pebidas de sésamo.

A demostración de cociña en vivo deu, a continuación, un salto ao continente americano, coa elaboración dunhas arepas venezolanas con masa de millo e, no interior, unha mestura de leitugas, anguía en tiras e salsa barbacoa. A receita completouse cunha maionesa picante.

Os participantes tamén puideron degustar un prato típico de Italia, os arancini, propios da cociña de aproveitamento e feitos con restos de risotto de verduras e anguía picada como recheo. A estas bolas, que recordan ás croquetas españolas, dáselles forma de pera e rebózanse con fariña, ovo e pan raiado antes de fritilas. O remate da actividade tivo de novo sabor asiático coa elaboración dun curri tailandés de anguía con fabas. O peixe, cociñado a baixa temperatura e braseado, acompañouse de feixóns cocidos en aceite de coco e unha combinación de 14 especias.

Os showcookings do Agosto Gastronómico continúan o domingo, día 20, cunha sesión de coctelería con caña do país que xa ten o aforo completo. Pero xa está aberto o prazo de inscrición para a demostración A caña no prato, o día 22, e na que se elaborarán catro pratos con augardente. E pecharase esta edición o día 29 de agosto co showcooking en homenaxe ao décimo aniversario da Ruta-Concurso Tapa a Anguía, na que se repasarán algunhas das mellores receitas que gañaron este certame.

Estas actividades son gratuítas, pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias máis desfavorecidas, segundo a organización.

Ruta das Tapas e cartel de Lois Tasende

A Ruta-Concurso Tapa a Anguía, que o Concello de Valga convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, xa ten establecementos participantes. Serán nove: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Cafe-Bar Couceiro, Cafetería Auditorio, Bar Pardal, Plamera Beach, O Pontellón Café-Bar e Casa Comparada.

Ademais, un colorido debuxo feito polo neno Lois Tasende Gómez, de dez anos e veciño dos Cotriños (Cordeiro), será o cartel anunciador da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.