Vimianzo quere atraer unhas tres mil persoas cada ano ao futuro miradoiro de Cereixo

O proxecto conta cunha subvención de 93.724 euros do Fondo Marítimo da Pesca

Instalarase un punto interpretativo con código QR e editaranse guías didácticas

Vistas da desembocadura do río Grande en Cereixo

Vistas da desembocadura do río Grande en Cereixo / Concello de Vimianzo

José M. Ramos

 O Concello de Vimianzo proxecta a creación dun miradoiro sobre a ría de Cereixo, enclave natural e paisaxístico dos máis significativos da localidade e que, en palabras da alcaldesa, Mónica Rodríguez, “se converterá noutro dos puntos senlleiros do noso municipio para admirar a paisaxe e o noso patrimonio natural”. Conta cunha subvención de 93.724,9 euros do Fondo Marítimo da Pesca e Acuicultura (FEMPA) e da Xunta. Estímase que se achegarán unhas 3.000 persoas ao ano a visitar este elemento, dada a súa ubicación nas proximidades do Camiño de Santiago.

Está previsto instalar un panel interpretativo con código QR que derive a un espazo web para informar sobre Cereixo e a Costa da Morte, con referencias á historia, características medio ambientais, fauna e flora, xeografía e xeoloxía do lugar, ademais da etnografía.

Elaboraranse tamén guías didácticas para visitas escolares para ser empregadas, alomenos, por catro centros da bisbarra e chegar a uns 500 alumnas e alumnos. Organizaranse tamén talleres divulgativos en centros educativos, así como para diversos colectivos.

En definitiva, non só será a instalación do miradoiro, tamén “dunha serie de accións que pretenden potenciar, promover e poñer en valor a nosa contorna natural e paisaxística”, define a alcaldesa, Mónica Rodríguez.