O Consello da Cultura Galega estrea Caligrafías Musicais, con Rosalía

Xosé Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde / Xunta

Redacción

Rosalía de Castro foi unha irrepetible figura literaria, pero tiña tamén unhas calidades innatas para a música. Sobre esta faceta menos coñecida da autora de Follas novas fala outro erudito, Filgueira Valverde, na primeira entrega de Caligrafías musicais, o novo proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG). Cada dous meses rescataranse conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos que forman parte da cultura musical do país.

Na primeira entrega de Caligrafías musicais o polígrafo Xosé Filgueira Valverde esmiuza os textos rosalianos para fixarse nos seus aspectos sonoros e musicais: sons da natureza, campás, cantos de paxaros, ritmos e acentos dos cantares populares…, ata chegar á Alborada popular de Rosalía de Castro.

A intervención titulouse Rosalía e a música, foi presentada por Afonso Vázquez-Monxardín, tivo lugar en 1992 no Ateneo de Ourense e foi organizada polo Concello de Ourense. Na gravación Valverde destaca as calidades musicais inxénitas da poeta, que favorecen a súa formación musical autodidacta, a súa voz de contralto e a súa facilidade como intérprete de instrumentos.

O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, caligrafías significa tanto “a arte de escribir con boa letra” como “o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito”. Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos ⸺entre outros⸺ que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abre deste xeito una nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos.