Raxoi programa un paseo nocturno pola cidade para ver o impacto da iluminación

Será o 15 de maio, cando un experto no tema dará explicacións aos asistentes e establecerá un debate

Rúa dos Loureiros en Santiago

Rúa dos Loureiros en Santiago / ECG

Con motivo do Día Internacional da Luz (DIL 2023) que se celebra o vindeiro 16 de maio, o Concello de Santiago ofrece un paseo nocturno o día antes co fin de concienciar á cidadanía sobre o uso responsable da iluminación artificial. Esta iniciativa, que se realiza de forma simultánea en varias cidades do país, está promovida pola Asociación Slowlight e a Asociación de Deseñadores Profesionais de Iluminación APDI.

Os paseos nocturnos Slowlight-APDI realizaranse en grupos de 25-30 persoas que percorrerán as rúas e prazas de Compostela, co fin de descubrir os detalles que conforman a paisaxe nocturna da cidade e como contribúen de xeito positivo ou negativo ao seu embelecemento e lexibilidade. O paseo estará guiado por un experto en iluminación que irá reflexionando en voz alta sobre diferentes aspectos técnicos e emocionais da paisaxe nocturna, promovendo o diálogo cos asistentes para coñecer a súa percepción e a súa opinión sobre as cuestións expostas.

Os paseos terán lugar o día 15 de maio con saída da praza Roxa ás 21:30 horas e chegada aproximada á praza do Obradoiro sobre as 23:30 horas. Todas as persoas interesadas, poderán inscribrirse a través dun formulario recollido na páxina web do Concello antes do vindeiro mércores 10 de maio.

Esta iniciativa desenvólvese no marco do compromiso Slowlight, ao que se adheriu o Concello de Santiago, que ten o obxectivo principal de mellorar a contorna a través da luz, tanto no ámbito urbano como no rural, creando espazos nocturnos en harmonía, cunha iluminación intelixente e sustentable onde tanto a luz como a escuridade sexan protagonistas no deseño da paisaxe nocturna.

MELLORAS NO ALUMEADO PÚBLICO

··· A Xunta de Goberno local deu luz verde ao procedemento aberto de adxudicación da “Dirección facultativa e coordinación de seguridade e saúde das actuacións de mellora de eficiencia enerxética do alumeado público exterior do Concello de Santiago”, que conta cun orzamento base de licitación de 337.312,50 euros para os anos 2023 e 2024. Este contrato prevé, nun prazo de oito meses, a renovación de máis de 30.000 elementos luminarios que pasarán a ser leds, entre outras melloras.