A nova liña 3 de transporte incrementará as frecuencias a Villestro e prolongándose ata o polígono de Costa Vella

Avanzoullo Xosé Sánchez Bugallo á veciñanza de Villestro, nun encontro no que estivo acompañado por outros membros do goberno e da súa candidatura // Tamén destacou o impacto que terá a renovación de todo o alumeado público e a súa substitución a led que virá acompañada dunha ampliación da rede de luminarias.

O encontro coa veciñanza tivo lugar no CSC de Villestro

O encontro coa veciñanza tivo lugar no CSC de Villestro / PSOE

Redacción

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que esta nova liña tres, que dará servizo a Roxos e Villestro-Reborido, quedará integrada totalmente na rede de transporte, “gañando conexións”. Antes remataba en San Roque, é agora prolongarase ata o polígono de Costa Vella, con parada tamén na zona das Cancelas “para garantir esta nova relación de mobilidade”. Ademais, auméntase a frecuencia das expedicións, que pasa a ser de 60 minutos; e o servizo tamén se prestará en domingo (actualmente non o hai). Son as principais novidades que incorpora o novo contrato de transporte público que está actualmente en licitación.

Neste momento Villestro está conectado coa P7. Con esta modificación non só se amplían as frecuencias, senón que tamén se amplía e mellora o itinerario, atendendo ás demandas das veciñas e veciños: “con este novo deseño Villestro non só mellora a súa conexión coa contorna urbana, senón que tamén terá servizo ata o polígono da Costa Vella”, con parada en en zonas de gran mobilidade, como o Campus Sur ou o centro comercial das Cancelas, explicou o alcalde.

Pavimentado de núcleos e melloras no centro sociocultural

O alcalde tamén avanzou que nas próximas semanas se iniciarán as obras de pavimentación do núcleo interior do lugar de Pedrido e dos viarios de acceso en Carlexo e A Gruñán nas que se investirá máis de medio millón de euros. Unha obras que se suman á pavimentación dos viarios interiores en Carlexo e A Braña da Silvouta, así como o acondicionamento do Camiño de Fisterra en Vilariño de Abaixo, xa finalizadas. Tamén no campo de fútbol de Villestro se acometeu unha renovación da iluminación.

Sobre o Centro Sociocultural, Sánchez Bugallo explicou que se acometerán obras de mellora e acondicionamento: “a cuberta actual concentra auga e con esta actuación tamén conseguiremos un aforro enerxético ao mellorar o illamento do edificio”.

O alcalde tamén lle explicou o investimento realizado, estes catro anos, en políticas sociais, e como se deu resposta ás necesidades máis perentorias da sociedade, actuando en tres eixos fundamentais. O primeiro, apoio ás persoas en situación máis vulnerables co incremento dun 85% dos recursos destinados ao SAF, o Sevizo de Axuda no Fogar, (que pasou dun orzamento, en xuño de 2021, de 1.979.666 euros a 3.080.048 euros, e rematando coas listas de agarda) e a posta en marcha do SEMUS, o Servizo de de Urxencias Sociais. O segundo, apoio aos sectores económicos máis gravemente afectados pola crise derivada da pandemia, como o comercio, a hostalería ou o sector cultural, cuns nove millóns de euros en axudas para impulsar a reactivación económica; que teñen a súa continuidade nos Bonos Corazón de Compostela, co obxecto de incentivar o consumo no comercio e hostalería local. E o terceiro, o mantemento, en condicións moi díficiles, durante a pandemia, dos servizos públicos, como o transporte, ou a reprogramación dos espectáculos culturais suspendidos durante a tempada de emerxencia sanitaria. Políticas que deron como resultado que Santiago teña , hoxe, o menor número de persoas paradas dos últimos vinte anos, e a maior taxa de emprego da súa historia.

Sánchez Bugallo tamén recordou os avances nos acordos do Foro Cívico, aprobado por unanimidade en pleno o 29 de xullo de 2019. En industrialización, coa posta en marcha do Biopolo, a adquisición da maioría de accións de UNINOVA e a dotación da Sionlla de auga e saneamento. Sobre a estación intermodal, está en construcción, igual que o Orbital. E o Orbitaliño e a A-54 están desbloqueados. Polo que respecta á EDAR a obra está adxudicada en 67 millóns de euros; e a refoma da administración electrónica é unha realidade. Un goberno sinalou, que traballa por e para as persoas.