bugallo

O PSdeG insta o bipartito municipal a ceder a Casa da Xuventude á Deputación

Muíños critica que se prorrogue tres meses e ve en risco dous millóns de euros para rehabilitala

A Casa da Xuventude, ubicada en la Praza do Matadoiro

A Casa da Xuventude, ubicada en la Praza do Matadoiro / Antonio Hernández

ECG

A decisión de retrasar tres meses a cesión da Casa da Xuventude á Deputación da Coruña recibe críticas dos socialistas composteláns. O seu voceiro no Pazo de Raxoi, Gonzalo Muíños, amosouse onte sorprendido e cualificou de “falta de coherencia” esta decisión. Segundo Muíños, poden perderse ata dous millóns de euros que o ente provincial ía destinar a rehabilitar o polémico inmoble. Durante a campaña electoral a actual alcaldesa prometera derrubar este equipamento público. “O grupo socialista teno moi claro, hai que facer efectivo o convenio para rehabilitar este equipamento público para o uso da cidadanía, ao tempo que se incorporan dúas aperturas cara ao parque de Belvís” recalcou Muíños. Deste xeito, a Casa da Xuventude incorporaría dous accesos, un a través da antiga finca das monxas, onde actualmente se atopa o cancelón; e outro desde a rúa de San Pedro, tal e como está recollido no Plan Especial actualmente vixente.

O Concello aseverou que a prórroga na cesión responde a que aínda non está constituída a Deputación coruñesa, pero recoñece que estudará o pacto acadado polo anterior Goberno local co ente que preside Valentín González Formoso. Tanto o BNG como Compostela Aberta amosáranse moi críticos coa decisión.

O portavoz do grupo municipal exixiulle á actual alcaldesa “diálogo e transparencia” ante un proxecto para o que o goberno anterior conseguira unha subvención de preto de dous millóns de euros: “a aportación económica do Concello é mínima, e con esta actuación dotaríamos o casco histórico dun auditorio, un espazo de coworking e todo o segundo andar estará ao servizo da cidadanía”.

“O proxecto ten que pasar tamén por nós. Somos imprescindibles para chegar a calquera tipo de acordos” recordou Muíños, que atopa neste primeiro asunto de calado do novo goberno “unha contradición entre o que prometeron en campaña e o que agora semella que van facer”.

A preguntas das xornalistas, Gonzalo Muíños defendeu tamén o proxecto da Casa das Persoas Maiores para a que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións acordou a adscrición ao Concello de dous locais propiedade da Tesourería Xeral da Seguridade Social na rúa de San Pedro de Mezonzo nun prazo de 25 anos.

Muíños insistiu na necesidade de crear este espazo para desenvolver “actividades lúdicas e que fomenten un envellecemento activo: “un 23,5% dos residentes en Santiago teñen 65 anos ou máis, o que supón case un cuarto da poboación”, e ademais “arredor dun 20% destas persoas maiores viven soas”, unha “realidade social que é máis relevante na zona de Ensanche e mesmo na Pontepedriña, no que esta porcentaxe pode subir ata case un 30%”, sinalou o portavoz dos socialistas en Raxoi.