Vinte anos do Feito a Man: ritmo local e internacional e estrea do escenario Narf en Mazarelos

Este festival de rúa, iniciado no 2003, está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella en espazos emblemáticos de Compostela

Dende o 3 ata o 24 de agosto as rúas e prazas da Cidade vella énchense das músicas máis diversas e de vídeoclips ‘made in Galicia’

A Asociación Cultural Cidade Vella presentou este martes outra edición, e xa van 20, do Feito a Man 2023 que se celebra do 3 ao 24 de agosto para encher de música rúas e prazas da zona vella compostelá

A Asociación Cultural Cidade Vella presentou este martes outra edición, e xa van 20, do Feito a Man 2023 que se celebra do 3 ao 24 de agosto para encher de música rúas e prazas da zona vella compostelá / Jesús Prieto

Un ano máis, con agosto, chega o festival Feito a Man que este 2023 cumpre 20 anos enchendo de música e de “creación emerxente” as rúas e prazas da Cidade vella de Santiago. A vixésima edición presentárona este martes no Pazo de Raxoi a concelleira de Capital cultural e Turismo, Míriam Louzao, acompañada de Natividade González, deputada provincial de Cultura polo BNG, Ánxeles Porto, directora do festival e Suso Pais, da A.C. Cidade Vella que organiza o evento.

A concelleira destacou deste festival tres cualidades fundamentais: “a música ao vivo, elemento distintivo da cidade”, a contribución do evento a unha “cidade histórica viva, non só para quen nos visita senón para a veciñanza” e tamén o feito de que este tipo de festivais poñen “en valor un espazo singular” como é Compostela. Na mesma liña expresouse a deputada Natividade González, que alabou “a organización impecable e a calidade excepcional” do Feito a Man así como o “compromiso coa cultura” dos seus promotores.

O programa debullárono máis polo miúdo Suso Pais e Ánxeles Porto, ‘Angi’, recentemente recoñecida coa Alba de Compostela polo seu labor como hostaleira e membro a Asociación Cultural Cidade Vella. O máis contundente coas súas palabras foi o presidente da asociación, Suso Pais, hostaleiro do Literarios, que unha vez agradecido á corporación quixo reivindicar “coma todos os anos” a música ao vivo nos locais. 

Pola súa parte, Ánxeles Porto fixo un balance moi positivo destes vinte anos, “a pesar dos atrancos ou da incomprensión das institucións nun momento dado”, en referencia, fundamentalmente ao goberno local do Partido Popular (PP) nas eleccións gañadas por Gerardo Conde Roa.

Porto defendeu a importancia da asociación Cidade Vella, que “dende a súa creación en 1987 foi un axente moi importante na transformación socioeconómica e cultural de Santiago”. En referencia ao Feito a Man, explicou que o seu desenvolvemento até agora foi “moi orgánico” e que mantén como obxectivo primordial “visibilizar as propostas que queren levar a cabo os locais”. Para ‘Angi’, o segredo do éxito do festival radica “na maxia, na interacción cálida entre contorna, músicos e público”, asegura.

Programación do 3 ao 24 de agosto

Ánxeles Porto, explicou a oferta programática deste ano, que se vai desenvolver do 3 ao 24 de agosto en diversos puntos do casco antigo e destacou que o festival foi “receptor de artistas moi excepcionais, como Fran Pérez, Narf, que participou en moitas edicións nas que cultivou e amosou a súa obra”. Para a hostaleira da Borriquita de Belem, a Narf “hai que telo presente, para que a súa figura non se perda porque é un artista compostelán superimportante” e por iso, o Feito a Man deste ano terá como localización principal a praza de Mazarelos, un escenario que vai ter por nome ‘Narf’ e que promete ser a primeira doutras iniciativas arredor da figura deste músico ‘picheleiro’ dende o festival.

Coma sempre, tamén haberá actividade non estritamente musicais, neste caso trátase da mostra de artistas galegos creadores de videoclips, tamén de músicos galegos. Eles e elas, membros de 16 Thunders, serán os protagonistas dunha proxección que conducirá Marghe Morello e que terá lugar na Vía Sacra (praciña da Casa das Crechas) o 24 de agosto ás 24.15 horas.

Presentación oficial do 20º Feito a Man no Concello coa directora do festival Ánxeles Porto (esq.), a concelleira Míriam Louzao,

Presentación oficial do 20º Feito a Man no Concello coa presenza da directora do festival, Ánxeles Porto (esq.), a concelleira Míriam Louzao, a deputada provincial Natividade González e Suso Pais da A.C. Cidade Vella / Jesús Prieto

[object Object]

O presidente da Asociación Cultural (AC) Cidade Vella, Suso Pais, aproveitou a presentación da vixésima edición do festival Feito a Man para reivindicar “coma todos os anos, a música ao vivo nos locais”. Pais lembrou que ano tras ano os membros da AC Cidade Vella asisten a plenos do concello nos que se “aproban iniciativas que a Xunta de Galicia nos paraliza”.

Suso Pais facía así referencia á Lei 10/2017 de espectáculos e actividades recreativas de Galicia. “Cando programamos nos nosos locais”, insistía o presidente de Cidade Vella, “basicamente estámonos arriscando a que nos sancionen, é como un acto prohibido”. A normativa vixente, permítelles aos locais nocturnos un máximo de seis espectáculos ao vivo, de maneira puntual, cada ano, pero dende a asociación teñen a certeza de que “este tipo de concertos e festivais son os que necesita Compostela”. 

“Falamos de masificación e turismo”, reivindica Suso Pais, “pero ao mellor o que había que dicir era ‘non’ aos concertos brutais na praza da Quintana, a eses macroescenarios, fagamos pequenos formatos e acabemos con esas aberracións de 40 ou 50.000 watios rebentando unha praza Patrimonio da Humanidade”. “Imos dar moito a lata”, explicáballe o presidente de Cidade Vella á concelleira Míriam Louzao.

Ánxeles Porto tamén se sumaba á reivindicación de Cidade Vella defendendo “levamos vinte anos regando o talento e as propostas emerxentes” de Santiago, e “isto é o bonito que pode ter unha cidade a nivel cultural, porque iso son as bases”. Neste sentido, Porto facía tamén referencia aos grandes concertos con palabras máis conciliadoras que Suso Pais. “Que logo veña unha superestrela a tocar é un acontecemento, pero é accidental, nós temos que seguir facendo isto porque o festival foi receptor de artistas dunha índole escepcional”.

Pais, que aseveraba que o pleno municipal apoiou as iniciativas de Cidade Vella historicamente, “a única subvención que tivemos déunola no ano 2006 Néstor Rego (BNG)”, solicitaba ao goberno municipal que “sente coa Xunta e modifiquen a Lei de espectáculos, queremos cumprir a normativa pero que se nos deixe facer actuacións”.

A presentación de Feito a Man adoptou na mañá de onte un cariz reivindicativo e evocativo doutra Compostela de anos atrás, con música nas rúas e nos locais nocturnos. “De tocar na cidade vella saíron moitos artistas”, lembraba Angi, que máis alá de falar de Fran Pérez ‘Narf’, participante en varias edicións do festival e protagonista este ano do escenario principal do Feito a Man na praza de Mazarelos, que levará o seu nome, a hostaleira referiuse tamén a primeiras figuras da música galega como Mercedes Peón ou o gaiteiro Xosé Manuel Budiño.

“Os catro anos do goberno municipal do PP”, explicaba Ánxeles Porto, “foron moi duros, o primeiro día do Feito a Man, Conde Roa mandounos a Policía, non nos deixou vender e acordoáronnos”, e así se levaron a cabo os concertos dese día.

A recentemente galardoada coa Alba de Compostela, precisamente polo seu labor como hostaleira nocturna a prol da cultura e membro de Cidade Vella, Ánxeles Porto, defendeu o “compromiso dos locais coa cidade histórica”. “Agora”, incidiu Porto, “a época é moi difícil pero temos a ilusión de ir da man da nova corporación”.

A estas palabras dos organizadores do Feito a Man e representantes da AC Cidade Vella, a concelleira de Capital cultural respondía que dende o grupo de goberno “sempre defendemos a música e as artes ao vivo como elemento clave da nosa riqueza cultural”. E apelou a que os locais recuperen “esa efervescencia que facía de Compostela un lugar tan atractivo e singular e, nese sentido, pularemos para que Xunta de Galicia modifica esa lexislación”.