Da lei de protección animal a transición enerxética: Aínda hai prazas nos cursos de verán da USC

O xoves 24 acaba o prazo para matricularse nas últimas propostas para septembro

A inscripción deberá facerse en liñaou de xeito presencial nos centros de matriculación

Un grupo de estudantes da Universidade de Santiago no campus

Un grupo de estudantes da Universidade de Santiago no campus / santi alvite (USC)

Redacción

O xoves 24 de agosto remata o prazo de inscrición das últimas propostas da Universidade de Verán 2023 da USC. Os catro cursos cuxa matrícula permanece aínda aberta desenvolveranse do 4 ao 7 de setembro en Vilanova de Lourenzá, Lugo e Santiago de Compostela. Afondarán na pegada de Fernández del Riego na cultura galega, na lexislación relativa á protección animal, na prestación de servizos sanitarios no século XXI, e a análise socio-económica e ambiental da transición enerxética centran as últimas propostas da convocatoria, segundo informou onte a USC nunha nota de prensa.

A segunda edición do curso ‘Protección e maltrato animal. Unha perspectiva actual das normas e actuacións desde o ámbito legal e veterinario’ aproveita a recente publicación da Lei sobre protección e dereitos dos animais en España para analizar, da man de diferentes organismos e entidades públicas e privadas, estas modificacións lexislativas e o seu impacto no traballo das diferentes administracións e das e dos profesionais que actúan neste eido, tanto dende o ámbito da veterinaria ou a enxeñaría agrícola, coma da avogacía ou das forzas e corpos de seguridade do Estado. Dirixido por Mª Mercedes Camiña García, desenvolverase do 4 ao 7 na Facultade de Veterinaria da USC e no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) de Lugo, co cofinanciamento do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, de Galeno Especialidades Veterinarias . e da Deputación de Lugo.

O obxectivo do curso Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX’ é analizar a traxectoria e a obra do autor homenaxeado nas Letras Galegas de 2023, pero tamén a súa achega como activista, intelectual, estudoso e escritor, nos seus sucesivos contextos históricos, e en relación cos fenómenos sociais e os proxectos políticos e culturais en que se implicou: dende a IIª República (como parte do movemento estudantil universitario e do Partido Galeguista), á guerra civil española, pasando pola ditadura franquista (co seu labor na resistencia política e cultural, na Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e a revista Grial, así como na súa relación coa diáspora galeguista) e a autonomía. Co cofinanciamento do Concello de Vilanova de Lourenzá, a Deputación de Lugo e a Real Academia Galega, o curso desenvolverase do 4 ao 7 de setembro no Auditorio Casa Concello de Vilanova de Lourenzá baixo a dirección de Henrique Monteagudo.

Na súa décima edición, o curso ‘A prestación de servizos sanitarios ante os retos do século XXI’, combina a análise académica e a experiencia práctica para achegar unha unha visión multidisciplinar a este campo de traballo. O seu obxectivo principal é a divulgación, a reflexión e o debate sobre temas actuais, controvertidos e de interese; que transitarán por cuestión vencelladas á psicobioloxía e o dereito, a humanización da sanidade, a consideración da discapacidade e da enfermidade, ou os dereitos da persoa na etapa final da súa vida. Desenvolverase do 4 ao 7 de setembro na Facultade de Dereito de Santiago baixo a dirección de Belén Trigo García.

Finalmente, a proposta ‘Desmaterialización, decrecemento e transición enerxética: claves a partir da triple análise social/económica e enerxético-ambiental’ proponse estudar os diferentes significados que se asocian á idea de progreso e prosperidade e analizar as políticas socioeconómicas encamiñadas a conseguilos, ademais de estudar o impacto da desmaterialización, o do desacoplamento na realidade enerxética actual; e explorar os principais modelos enerxéticos verdes en España desde unha perspectiva multidisciplinar, tanto teórica como práctica: socioeconómica, normativa, ambiental, técnica e administrativa. Rosa María Regueiro Ferreira dirixe este curso que terá lugar do 4 ao 7 de setembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela.

A inscrición nos cursos da Universidade de Verán “farase preferiblemente en liña, a través da páxina web específica da Área de Cultura da USC, ou de xeito presencial nos centros de matriculación”, informa a USC. En caso de non poder cursala por estes medios, as persoas interesadas poderán contactar por vía telefónica cos secretarías da Universidade de Verán nos Campus de Santiago (881.811.018) e Lugo (982.821.513). Os estudantes recibirán dous créditos por cada curso de máis de 25 horas e un crédito polos que teñan unha duración menor.