Entrevista | Trinidad Vieiro Presidenta da Asociación de Veciños do Monte do Gozo

“Ante un acto incívico dun turista hai que poñer multa, é a única forma de que se faga caso”

Trinidad Vieiro, presidenta da Asociación dende o  2016

Trinidad Vieiro, presidenta da Asociación dende o 2016 / Jesús Prieto

A Asociación de Veciños do Monte do Gozo, fundada en 1978, é unha das máis antigas de Santiago, xunto con A Xuntanza e O Castiñeiriño. Integrada na actualidade por oito persoas, está presidida por Trinidad Vieiro dende o ano 2016, quen valora que na actualidade “a xente non quere entrar nas directivas das asociacións de veciños. Hai pouca implicación, especialmente por parte da xente moza”.

A diferenza do que manifestaban os presidentes da Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca, Roberto Almuíña, e Montse Vilar, da Asociación Veciñal de San Pedro, A Xuntanza, en anteriores entrevistas con EL CORREO, Trinidad asegura que non hai un malestar cos peregrinos xa que apenas se viven comportamentos incívicos na súa zona.

Sodes un colectivo implicado na vida da parroquia de San Lázaro, a entrada do Camiño Francés. Que valoración faría do comportamento dos peregrinos?

En xeral non se percibe malestar cos peregrinos. O que sucede é que cando hai masificación, especialmente nestes meses de verán, circulan coas bicicletas polas beirarrúas e iso non está ben. Outro dos comentarios que me fan os veciños e veciñas é que non hai baños públicos para os peregrinos, o que ven a ser unha das solicitudes que vimos facendo nos últimos anos aos gobernos municipais.

Sei que en San Pedro, por exemplo, como as rúas son máis reducidas o ruído é maior. Polo tanto que che canten ás seis da mañá pois non é ben recibido. Pero por San Lázaro hai máis amplitude e por iso non hai moito disgusto.

O maior problema que se está a vivir é coa liña 6 de transporte urbano, xa que cando hai moitos peregrinos os buses van cheos e non paran nas paradas da zona para coller xente. Pero isto é unha cuestión do servizo e non está relacionada directamente cos peregrinos.

Hai moitos negocios na zona, en concreto locais hostaleiros, que se benefician da súa presenza...

Non só é un beneficio para o hostaleiro e para os postos de traballo que crea, senón para toda a rede de distribución. Os turistas son unha das grandes oportunidades que ten Compostela porque xeran moita riqueza.

Recentemente sucedéronse na cidade varios actos incívicos como pintadas con xiz en edificios do casco histórico da cidade, turistas acampando na praza do Obradoiro ou gritos de xente nova á súa entrada a Santiago. Que opina sobre isto?

Este tipo de controversias non poden suceder, polo que debe de haber unha regulación como hai nas cidades que teñen casco histórico. Sempre digo que ante un acto incívico hai que poñer unha multa, xa que é a única maneira de que a xente faga caso. O mesmo sucede cando alguén tira o lixo ao lado do río ou cando o deposita fóra dos contedores correspondentes ou ben cando unha persoa decide non cumprir os límites de velocidade. Son accións que xa non se fan por sentido común, pero se non o hai haberá que recurrir a outro sistema.

Sobre a posibilidade que estuda o goberno local de implantar a taxa turística. Cren que é necesaria?

Igual que xa existe noutras cidades penso que está ben que se implante porque o turista xera un gasto moi grande na cidade e iso ten que repercutirse cun ingreso. Se gastamos e non ingresamos, a facenda municipal non vai poder seguir adiante. Hai que ter en conta que nos últimos anos Santiago está moi masificado no verán. Cousa diferente sería se tiveramos un turismo desestacionalizado.

Hai algunha reclamación a destacar por parte da Asociación?

Levamos anos reclamando o cambio de tuberías de fibrocemento por outro sistema, xa que ademais de ser canceríxenas están rompendo continuamente. Sabemos que é unha obra de envergadura pero habería que solucionar o problema canto antes porque dispoñer de auga é un servizo básico.