Ruta en cadeira de rodas por unha accesibilidade universal

Escolares e adultos, entre eles membros da corporación, participaron no percorrido para descubrir as barreiras arquitectónicas ás que se enfrontan as persoas con mobilidade reducida

Alumnos do IES Rosalía de Castro na ruta en cadeira de rodas

Alumnos do IES Rosalía de Castro na ruta en cadeira de rodas / antonio hernández

A chuvia non logrou deslucir nin puido impedir que a ruta en cadeira de rodas se levase a cabo entre a praza de Galicia e a praza de Mazarelos e entre esta última e a avenida de Xoán XXIII, pois como comentaban uns e outros participantes, as persoas con mobilidade reducida “tamén teñen que saír á rúa cando está a chover”.

Organizada pola Concellaría de Mobilidade e Cogami (Confederación Galega de Persoas con Dispacapacidade), dentro dos eventos da Semana Europea da Mobilidade, esta actividade contou coa participación de adultos e diversos compoñentes da corporación municipal, no primeiro dos paseos que botaron a andar entre as prazas de Galicia e Mazarelos ás 11 da mañá de onte.

Un percorrido que foi o mesmo para adultos e escolares, que realizaron o paseo en dúas quendas diferentes, e levou os participantes a coñecer que moitas das barreiras arquitectónicas coas que se enfrontan as persoas con mobilidade reducida pasan desapercibidas para todas aquelas que camiñan sen dificultades. Unha beirarrúa que supón un chanzo alto, unha rampa que excede dos dez graos de pendente ou ter que invadir parte da estrada para poder chegar de Patio de Madres á praza de Mazarelos, foron só algunhas das barreiras arquitectónicas que tiveron que superar os participantes nesta actividade inclusiva.

“Cambia a perspectiva totalmente e o que non parece unha barreira, ou parece pouca cousa, un centímetro, unha rampiña cunha pendente de poucos graos convértese nunha barreira arquitectónica”, explicaba o concelleiro de Vías e obras, Xesús Domínguez, participante na ruta xunta ao concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, o edil socialista Gonzalo Muíños ou as populares María Baleato e Olaya Otero. “É necesario tomar medidas e eliminar esas barreiras cara a unha accesibilidade universal”, engadía Domínguez.

Na mesma liña expresouse Xan Duro, “os grandes atrancos vémolos todos, son os pequenos os que marcan a diferenza na vida dunha persoa. É unha responsabilidade, por suposto do Concello, e traballaremos niso”, afirmou.

Varios membros da corporación municipal participaron no paseo en cadeira de rodas

Varios membros da corporación municipal participaron no paseo en cadeira de rodas / Antonio Hernández

Logo deste roteiro máis institucional foi a quenda do alumnado do IES Rosalía de Castro, que realizaron o mesmo percorrido entre a praza de Galicia e a de Mazarelos. Para os máis novos a experiencia foi, en termos xerais, “moi divertida”, había máis desavenenzas á hora de cualificar a dificultade do traxecto realizado, mentres para uns “foi fácil, o máis complicado foi subir a costa” que leva até o Arco de Mazarelos, para outros, “custou moito, as costas e os chanzos moi altos custaron máis”.

Toda a cativada coincidía en que é necesario que “as beirarrúas sexan máis lisas para as persoas que van en cadeira de rodas”, xa que determinandos pavimentos son máis incómodos á hora de desprazarse e presentan maior dificultade. “Incluso os bordos máis baixos son un reto, iso que estivemos 15 minutos, non imaxino estar así 24 horas”, comentaba un alumno do IES Rosalía, e así tamén o expresaba Álvaro García, responsable da área de Mobilidade de Cogami, “hai un tema fundamental que é ver a importancia da accesibilidade, a experiencia de pasar un cuarto de hora de percorrido, porque hai quen ten que convivir con iso todos os días”. Álvaro García insistía en que “queda moitísimo por facer e hai que pensar en dotar de partida orzamentaria a mellora da accesibilidade para modernizar Santiago e cumprir a Lei de accesibilidade ao cen por cen”.

A xornada completouse co roteiro do alumnado do CEIP López Ferreiro, dende a praza de Mazarelos até o seu centro escolar, un traxecto que os levaría pola praza de Cervantes, a Facultade de Medicina e Xoán XXIII. “Un percorrido longo cuxos principais problemas son o pavimento e as pendentes”, explicaban dende Cogami.

Nos paseos tamén participaron usuarios desta confederación e persoas voluntarias, que explicaron ao alumnado como é o día a día en cadeira de rodas, cales son as principais dificultades, e mesmo as diferenzas entre unha cadeira manual, coma a que usaron os participantes nesta ruta, e unha cadeira automática. “Moitas de vós recibíchedes axuda cando había unha barreira forte, cando vexamos alguén que precisa axuda, se nola pide, debemos axudar”, explicaban.