Un ensaio da USC analiza a traxedia de Eurípides que dá unha versión distinta á de Homero

Francisca Gómez Seijo estuda a Helena, figura incluída nos poemas épicos ‘Ilíada’ e ‘Odisea’

Helena e Paris representados nunha crátera de figuras vermellas datada entre os anos 380-370 a.C. que conserva o Museo do Louvre en París. FOTO: WikipediaHelena e Paris representados nunha crátera de figuras vermellas datada entre os anos 380-370 a.C. que conserva o Museo do Louvre en París.

Helena e Paris representados nunha crátera de figuras vermellas datada entre os anos 380-370 a.C. que conserva o Museo do Louvre en París. FOTO: WikipediaHelena e Paris representados nunha crátera de figuras vermellas datada entre os anos 380-370 a.C. que conserva o Museo do Louvre en París. / Wikipedia

Redacción

A traxedia Helena do dramaturgo grego Eurípides, representada en atenas no 412 a.C. e que chega á actualidade, ofrece unha versión alternativa á dos poemas épicos Ilíada e Odisea atribuídos a Homero, segundo a cal o rapto da esposa do rei espartano Menelao, Helena, polo príncipe troiano Paris foi a orixe da Guerra de Troia. O texto de Eurípides, que agora analiza a doutora da USC Gómez Seijo no ensaio Rescatando a Helena, conta que esta foi levada a Exipto polo mensaxeiro dos deuses, Hermes, e que a que levou Paris era en realidade unha pantasma, unha imaxe feita de aire creada por Hera, en vinganza polo episodio do xuízo no que o príncipe troiano escolle a Afrodita fronte a ela.

Segundo o texto do dramaturgo, Helena, “que era considerada a muller máis bela do mundo”, nunca amou a Paris nin fuxiu voluntariamente con el. En realidade, a guerra de Troia librouse por unha pantasma coa mesma aparencia física que a Helena real, que estaba retida en Exipto por vontade de Zeus. Cando Menelao retorna a Esparta tras a guerra de Troia coa que cre é a súa esposa, o seu barco naufraga en Exipto e el adéntrase en terra e no camiño atopa a Helena real; ela recoñéceo pero el négase a crer que sexa a súa esposa, ata que chega desde a costa un escravo mensaxeiro que lle conta que a Helena do barco era unha pantasma que se despediu dos mariñeiros e que se esvaeceu no aire, co cal Menelao finalmente comprende todo o sucedido.

Fronte ás análises filosóficas da traxedia realizadas anteriormente, a doutora Gómez Seijo analiza no ensaio os recursos dramáticos empregados polo poeta, do que salienta que “acada o máximo potencial de conflito do personaxe”, logrando que as palabras e accións de Helena conmoveran o público orixinal da obra.