O Goberno de Raxoi impulsa o Consello municipal de Igualdade converténdoo en entidade autónoma

Até o de agora o proxecto incluíase dentro da unidade de Familia a través da comisión sectorial

A xunta de goberno de Santiago tamén aprobou a contratación de pequenas reformas en instalacións dependentes do Concello

O equipo de Goberno municipal de Santiago reunido en xunta de goberno

O equipo de Goberno municipal de Santiago reunido en xunta de goberno / CONCELLO

A xunta de goberno local de Santiago aprobou este luns, entre outros asuntos, a constitución do Consello municipal de Igualdade como organismo autónomo. Deixa así de depender da entidade Familia, na que participaba ata agora a través da comisión sectorial. Ademais, déuxelle luz verde ao proxecto de regulamento que polo que se deberá guiar e que terá que someterse á aprobación do Pleno.

O obxecto do Consello de Igualdade, segundo incide Raxoi, é o de "promover a igualdade e eliminar calquera tipo de discriminación", polo que entre as súas potestades estará a emisión de informes e ditames sobre temas relacionados coas políticas sectoriais, o asesoramento ao Concello e coñecemento da execución política de plans e programas, a promoción de debates e a potenciación da participación cidadá.

A proposta de regulamento deseñada polo Goberno local para o Consello de Igualdade contempla as funcións do mesmo e matiza que todas elas estarán relacionadas co fomento da participación na vida municipal, en todas aquelas materias que poidan afectar directa ou indirectamente á igualdade e á diversidade afectivo-sexual.

Así mesmo, establece que a composición deste organismo debe "basearse na diversidade e na pluralidade", ademais de regular o desenvolvemento das sesións do consello.

Reparacións e reformas nas instalacións municipais

A xunta de goberno aprobou tamén durante a súa reunión licitar o contrato de reparación e pequenas reformas de diversas instalacións dependentes do Concello. A oferta de licitación de Raxoi suma 1.420.172 euros (IVE incluído) e destinarase a actuacións en colexios -800. 000 euros-, nos edificións da Administración xeral -228.000 euros-, nas instalacións deportivas -200.000 euros- e nos Centros Socioculturais (CSC) da cidade -192.172 euros-

Trátase dun contrato plurianual, que se se estende até 2026 e que se reparte do seguinte xeito: 473.390 euros a executar en 2024, 710.086 euros en 2025 e 236.695 euros en 2026.

Na mesma xunta, adxudicóuselle a Micromedia, por 25.102 euros, o contrato de subministro de ordenadores para os CSC, unha contía que se sufraga enteiramente co Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña.