Futuro e pasado de Frades únense a través da fotografía no Mufra

O Centro da Cultura Tradicional constitúe o único museo das súas características da comarca ordense

A rapazada local retratarase alí este sábado para facer o almanaque do vindeiro ano 2024

Un grupo de visitantes no Museo de Frades

Un grupo de visitantes no Museo de Frades / M.Pazos-Concello

O Concello de Frades era coñecido, entre outras bondades e ata o de agora, por ter máis de catro vacas por veciño, esnaquizando calquera estatística galega. Pero agora tamén o é por ter o único museo etnográfico da súa comarca, o Mufra (Centro de Cultura Tradicional, incluído no proxecto global de A herdanza do pasado) que agora chama á rapazada para elaborar alí o almanaque de 2024 evocando o pasado. A sesión de fotos será este sábado, e o prazo para sumarse remata o xoves.

Segundo o seu coordinador, Manuel Pazos, o Mufra supón “unha iniciativa novidosa que nos servirá para achegarnos ao pasado dunha forma emotiva e pedagóxica utilizando recursos primarios como é a colección de pezas, así como tecnolóxicos con imaxes e sons que ilustran” o devir local e comarcal. 

Hai que lembrar que o Concello de Frades posúe dende hai algúns anos unha colección de apeiros de labranza e doutras pezas relacionadas co traballo no rural. “O proxecto consistiu en inventariar, catalogar e tratar as pezas existentes así como completar a colección con outros trebellos representativos da nosa cultura material tradicional que está desaparecendo”, indica a mesma fonte, poñendo como metas do mencionado museo “recuperar, salvagardar, estudar e divulgar de forma pedagóxica a memoria do noso rural, pero tamén a historia, costumes, oficios tradicionais e documentos que mostren o devir do noso concello”.

Trátase dun proceso continuo que enriqueceu tamén a cesión de material por parte de Obradoiro da Historia e do propio coordinador, e que inclúe a recuperación de pezas etnográficas; limpeza, desparasitación e protección das distintas pezas (madeira e metal); restauración das pezas que o precisaren; contextualización de cada peza e deseño e mantemento dos módulos.

O espazo museístico estrutúrase nas seguintes seccións xerais: unha dedicada á arqueoloxía, incluíndo dende o megalitismo ata o mundo castrexo ou a romanización); a etnográfica (oficios de labrego, carpinteiro, ferreiro, zapateiro, tecelá, entre outros, con pantallas para ver documentais); a de apeiros de labranza; a da casa e o fogar; a dos tecidos e a costura; a da escola de antes e a da música tradicional.  

O obxectivo do proxecto do Centro de Cultura Tradicional do Concello de Frades é programar actividades relacionadas coa cultura tradicional para recuperar e reforzar as festas cíclicas do ano no eido rural, “aínda que na medida do posible poñeremos en valor a cultura tradicional oral en forma de contos, lendas, ritos, costumes… O encontro da veciñanza para celebrar unha tradición crea vínculos de unión”, aporta Pazos. Outro dos obxectivos deste centro é a recuperación de fotografías para elaborar un arquivo fotográfico, de cara a ilustrar almanaques, artigos, colgar na Rede, e as películas, imaxes ou sons, que son considerados “documentos fundamentais para ilustrar o paso do tempo” e coñecer a evolución social, económica e cultural dunha comunidade”.