Unha exposición no Colexio de Fonseca alberga a ermeloíta, o novo mineral galego

Mostra ‘Minerais. Ver o Invisible’, no Salón do Artesoado de Fonseca

Mostra ‘Minerais. Ver o Invisible’, no Salón do Artesoado de Fonseca / JESÚS PRIETO

Redacción

A exposición Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta, inaugurada onte no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca, achega á sociedade unha nova perspectiva da investigación mineralóxica que se desenvolveu e se desenvolve en Galicia. Promovida pola Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural, coa colaboración da Área de Cultura da USC e a Deputación da Coruña, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 2 de setembro con horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, de luns a sábado.

Na mostra, o pasado aparece en forma de homenaxe ao investigador do século XVII René Just Haüy, considerado un dos fundadores da cristalografía e mineraloxía modernas e a quen se dedicou o pasado Ano Internacional Mineralóxico. O presente móstrase nunha escolma de resultados realizados con modernas técnicas de análise mineralóxico e coa presentación, por vez primeira, do novo mineral galego, a ermeloíta, descuberto no monte Ermelo en 2022 por investigadores da USC.