O Centro de Maiores e o novo CSC do Ensanche compartirán instalacións "nunha aposta decidida polo envellecemento activo"

"Esta decisión responde a unha aposta decidida pola participación e o envellecemento activo das persoas maiores, así como polas actividades interxeracionais", sinalou a concelleira María Rozas

Os conselleiros Xan Duro e María Rozas deron conta do anteproxecto nunha rolda de prensa esta mañá

Os conselleiros Xan Duro e María Rozas deron conta do anteproxecto nunha rolda de prensa esta mañá / Concello de Santiago

As antigas dependencias da Seguridade Social na rúa de San Pedro de Mezonzo de Santiago convertiránse no Centro de Maiores e no Centro Sociocultural do Ensanche, tal e como adiantou en exclusiva ELCORREO.

Cunha superficie de 1.200 metros cadrados, as antigas instalacións foron cedidas ao Concello no pasado mes de xullo por un prazo de 25 anos e co obxectivo de destinarse a un centro de maiores e a un centro sociocultural.

Os conselleiros Xan Duro e María Rozas deron conta do anteproxecto nunha rolda de prensa esta mañá, o cal tamén será presentado esta mesma tarde no Consello Municipal de Persoas Maiores.

Así, María Rozas explicou que "no Goberno vimos como unha oportunidade que estes dous servizos compartiran espazo e apostamos por deseñar un equipamento municipal integrado no canto de proxectar dúas instalacións independentes".

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais sinalou que "esta decisión responde a unha aposta decidida pola participación e o envellecemento activo das persoas maiores, así como polas actividades interxeracionais que teñen demostrados os seus enormes beneficios".

Neste sentido, "este tipo de accións conxuntas aumentan a vitalidade e reducen o sentimento de soidade das persoas maiores, incrementan a empatía e as habilidades sociais das persoas mozas, e contribúen a conservar a memoria colectiva", incidiu Rozas.

Indicou ademais que o centro está deseñado "para prestar unha atención polivalente, con propostas vinculadas ao ocio e a saúde física e mental, co obxectivo de que as propias usuarias sexan protagonistas desde o seu deseño".

Así será o novo espazo

O anteproxecto foi elaborado de maneira conxunta e coa implicación do persoal técnico dos departamentos de Servizos Sociais e Centros Socioculturais, en coordinación tamén co departamento de Obras.

O obxectivo é que o proxecto estea aprobado antes de que remate este ano, para que as obras poidan iniciarse ao longo do ano próximo.

O proxecto contempla un amplo espazo de benvida e de relacionamento entre as persoas usuarias, onde se localizarán os puntos de conserxería e información ao público, e que tamén permitirá outro tipo de actividades como usos libres ou exposicións.

Desde ese espazo accederase a un patio semicuberto, desde o que se distribuirán as diferentes dependencias do novo equipamento municipal.

Contará ademais cun gran salón de actos, cun aforo de máis dun cento de persoas, "que ofrecerá grandes oportunidades para programar diferentes actividades culturais, de ocio, e tamén conferencias ou asambleas veciñais", e cunha biblioteca con sala de lectura anexa, que tamén funcionará como aula de novas tecnoloxías.

Así mesmo, haberá cinco espazos diferenciados para a realización de obradoiros, que funcionarán como aulas formativas, espazos de xogo, talleres de cociña ou miniximnasio.

Por último, están previstos cinco despachos, nos que traballarán tanto persoal do departamento de centros socioculturais, como traballadoras e educadoras sociais municipais.

Ao respecto, Xan Duro, concelleiro de Centros Socioculturais, explicou que as novas instalacións "permitirán mellorar a oferta de actividades no Ensanche, e axudarán a cubrir unha carencia porque o actual centro sociocultural non conta con espazos acaídos para determinadas propostas que sí terán cabida no salón de actos do novo centro de San Pedro de Mezonzo, como conferencias, asambleas veciñais ou mesmo actuacións musicais de pequeno formato".

O concelleiro lembrou que o actual centro sociocultural de Frei Rosendo Salvado "é propiedade de Afundación, que ten manifestada a súa intención de recuperar o inmoble, e a quen o Concello ten que agradecerlle que manteña a cesión ata que estean dispoñibles as novas dependencias de San Pedro de Mezonzo".

O novo equipamento "será unha gran oportunidade para tecer rede entre a veciñanza do Ensanche e para xerar comunidade, porque esa é unha das grandes virtudes da rede de centros socioculturais", explicou.

Máis de 23.000 persoas

Cabe recordar que na capital galega viven máis de 23.000 persoas maiores de 65 anos.

Delas, máis do 20% viven soas. No ámbito do Ensanche, onde se localizará este centro, viven unhas 4.800 persoas maiores, das cales unha de cada catro viven soas.