O orzamento do Consorcio de Santiago sobe un 10% coas achegas das tres administracións

O incremento presupostario permitirá acometer obras no interior do Palacio de Congresos e non soamente nas cubertas

Imaxe da xuntanza  do Consorcio na súa sede, o pazo de Vaamonde, situado na rúa do Vilar

Imaxe da xuntanza do Consorcio na súa sede, o pazo de Vaamonde, situado na rúa do Vilar / CONCELLO

O Consorcio de Santiago celebrou onte na súa sede, o pazo de Vaamonde (na rúa do Vilar), unha xuntanza da súa Comisión executiva e mais do Consello de Administración; unha reunión que deu o visto e prace aos orzamentos da entidade para o ano 2024, do que se desprende unha suba do 10% respecto aos anteriores, resultado da suma da achega de cada unha das tres administracións.

Ás xuntanzas asistiron a alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín; a subsecretaria do Ministerio de Facenda e vicepresidenta primeira do Consorcio, Pilar Paneque (en representación de Administración Xeral do Estado), e por parte da Xunta de Galicia, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, ademais do subsecretario do Ministerio de Transportes, Jesús Gómez, que asistiu mediante videoconferencia.

Na reunión aprobouse un presuposto que ascende a 10.213.878,50 euros, achegados polas tres administracións do seguinte xeito: 5.261.476 euros por parte da Administración Xeral do Estado, 3.161.854,30 da Xunta e 1.542.346,59 euros do Concello. Todas elas comunicaron que o total das súas achegas ao Consorcio medrará un 10%. Unha suba que vai permitir facer obras de reforma interior do Palacio de Congresos e non só, como estaba previsto para o 1 de xaneiro do ano que vén, nas cubertas do edificio.

O desglose que comunican dende o Consorcio sobre os distintos programas que levan a cabo queda en 1.773.779,20 euros para o Programa de Rehabilitación, Mantemento e Recuperación Urbanas; 6.193.626,07 euros para o Programa de Dinamización Cultural e Turística (que inclúe a Real Filharmonía e a Escola de Altos Estudos Musicais), e 367.201,16 euros para o Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da cidade. Por último, no Programa de Administración, Dirección Xeral e Mantemento e Conservación do Patrimonio Propio investiranse 1.876.672,07 euros.

Subvencións á rehabilitación

Ademais, nesta reunión o Consorcio aprobou a orde de subvencións, en concorrencia competitiva, para que a Oficina Técnica do Consorcio elabore proxectos de rehabilitación e plans de mantemento dos edificios monumentais da cidade co obxectivo de que éstes gocen da maior catalogación. Con estas axudas, búscase que os propietarios dos inmobles poidan participar con ditos proxectos en distintas convocatorias de axudas para obter financiamento para as intervencións ou acometelas con fondos propios.

Tecido residencial e lousados

No que se refire ao tecido residencial, en 2024 o Consorcio continuará coa súa liña de axudas dentro do programa Ter É Manter, para o mantemento das envolventes exteriores e á rehabilitación das carpinterías de madeira e reixas dos edificios de titularidade privada. Prestarase especial atención ás actuacións dirixidas ao aforro enerxético, para que nesta convocatoria se destinan 800.000 euros.

No marco do programa A pedra que pisas, o Consorcio de Santiago destinará o vindeiro 2024 un total de 194.851,15 euros para a conservación e o mantemento dos pavimentos e lousados do recinto intramuros da cidade histórica.

Estudo e divulgación

O Programa de Información, Estudo, Interpretación e Divulgación da cidade histórica comprende a coedición de publicacións vencelladas á cidade, xa que en 2024 está previsto que saian á luz un total de nove novas publicacións, así como a organización de tres exposicións na Casa do Cabido, entre outras iniciativas. Continuarase ademais co escaneado das publicacións esgotadas para a súa posterior publicación na web do Consorcio, o que permitirá a súa consulta por parte de investigadores e particulares.

Cultura e turismo

O Programa de Dinamización Cultural e Turística inclúe a xestión do proxecto conxunto da Real Filharmonía de Galicia e da Escola de Altos Estudos Musicais, que representan un investimento total de 6.193.626,07 euros. Ademais, o Consorcio continuará colaborando con diferentes entidades da cidade, de cara a promover actividades culturais como poden ser o espectáculo dos fogos do Apóstolo, o festival Cineuropa, o Programa Conciencia da Universidade de Santiago, Música en Compostela, a colaboración coa Fundación Granell ou diversas iniciativas culturais do Auditorio de Galicia.

Palacio de Congresos

O vindeiro 1 de xaneiro comezarán as obras de substitución das cubertas do Palacio de Congresos, unhas tarefas que manterán o inmoble pechado durante nove meses e que contan cun orzamento de 2,7 millóns de euros. Coa suba do presuposto do Consorcio, agora o Concello poderá acometer as ansiadas reformas no interior do edificio, para as que estimaban un custo de 2,4 millóns que permitirán a mellora enerxética do Palacio de Congresos (cunha instalación fotovoltaica, outra de produción térmica e climatización) en substitución da actual.

 Tamén se ve necesario cambiar a cociña, poñer unha nova wifi interior, reparar a rotura do revestemento de mármore dos núcleos de ascensores, restaurar o falso teito, restaurar o alicatado e acabar coas humidades e os desgastes dos pavimentos interiores, ademais de arranxar os desperfectos no entarimado de madeira das escaleiras.

Na lista de melloras, o Concello incluía, na súa comunicación á Xunta para que aumentase a achega ao Consorcio, o arranxo de carpintarías nos aseos e nas portas, a mellora do sistema hidráulico e de illamento acústico do telón ou o tratamento impermeabilizante de paneis de formigón na fachada.