Dous proxectos composteláns gañarán 3.000 euros se logran converterse en empresas nun ano

O programa Argos premiou un asistente de rehabilitación da linguaxe con IA e unha tecnoloxía para potenciar a densidade ósea

Gañadores, finalistas e membros do xurado dos premios Argos da USC no Colexio de Fonseca

Gañadores, finalistas e membros do xurado dos premios Argos da USC no Colexio de Fonseca / Antonio Hernández

Transformar unha idea de negocio nun proxecto empresarial é o obxectivo do programa de emprendemento Argos da USC, que este venres recoñeceu a dous proxectos. Trátase de Redile, que busca reducir as listas de agarda nas consultas infantís e acelerar o proceso de rehabilitación coa intelixencia artificial e VitfeeD, tecnoloxía innovadora para sintetizar análogos da vitamina D con silicio que potencian a densidade ósea. 

O primeiro, na modalidade de Enxeño e baseado nun asistente de rehabilitación da linguaxe teledirixida controlada por Intelixencia Artificial para a cativada, é unha iniciativa de Frank Alberto Betances Reinoso, Nuria Richer Gusano e Belén Noya Conde.

“Hay una cosa que todo el mundo ha padecido alguna vez en su vida, las listas de espera en el sistema sanitario, una situación que se ve más agudizada con los niños. Estos se encuentran en un proceso de desarrollo físico y mental y cuando la etapa finaliza ya no hay vuelta atrás”, sinala en conversa con EL CORREO Frank Betances, coordinador de Redile e otorrinolaringólogo especialista en xordeira e linguaxe infantil no Hospital Universitario Lucus Augusti. Enfocado na atención temperá, o proxecto busca que “los niños puedan recibir las terapias de rehabilitación en casa, siempre supervisados por los padres”. O seu equipo, vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), xa recibira hai uns meses por esta inciativa o premio de innovación do Servizo Galego de Saúde. 

“Buscamos que los niños reciban las terapias de rehabilitación en casa, siempre supervisados por los padres”

Frank Alberto Betances

— Coordinador do proxecto Redile

Este recoñecemento supón, en palabras de Betances Reinoso, “un impulso enorme al permitirnos contactar con personas que nos han asesorado sobre como podemos desarrollar esta idea en una empresa público-privada, ya que el fin es beneficiar a la sociedad y llevarla a otras comunidades”.

A pesar de que se está a desenvolver en Lugo, a idea do otorrinolaringólogo é que se expanda a toda a comunidade autónoma e non só se empregue nos hospitais, senón tamén nas unidades de atención temperá que se ubican nos concellos.

O proxecto premiado na categoría Spin naceu dun grupo de investigación da Universidade de Santiago e tras patentarse, a idea chegoulles a Lorena Valverde Fraga e Alicia García Delgado a través do programa Argos para darlle forma. 

Lorena Valverde, farmacéutica, que está a desenvolver a súa tese doutoral no Cimus sobre micropartículas de polen que carga con nanocápsulas de antibiótico para o tratamento de enfermidades pulmonares, asegura que nun principio se enfocaron no desenvolvemento tecnolóxico da molécula. A súa compañeira é química e conta cun mestrado en Química Industrial.

Este premio supón para Valverde “culminar todo un proceso que requirió muchas horas”. Ademais, o ve como “el reconococimiento a que hemos hecho un buen trabajo”.

“Recibimos formación científica pero luego no sabemos trasladar las ideas al mercado, y Argos va en ese camino”

Lorena Valverde

— Co-creadora de la tecnología VitfeeD

Asegura que decidiu participar nesta iniciativa para saber como se pode chegar ao mercado. “Recibimos formación científica pero luego no sabemos trasladar esas ideas más allá”, manifesta.

Ademais, na categoría Spin quedou finalista a iniciativa AEGIS, a aplicación dunha ferramenta de detección precoz de adiccións sen substancia (internet, videoxogos e apostas) en centros educativos. Na modalidade Enxeño quedou como finalista Hidrosíntese, un sistema de acuaponía integrado cun sistema de xestión de residuos procedentes de excedentes alimentarios para a explotación económica do cultivo de vexetais e peixes de consumo humano. 

Argos, unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, establece dúas categorías de premios: Argos Spin, ao que optan os plans de empresa desenvolvidos a partir dalgún dos resultados de investigación xerados na USC e Argos Enxeño, no que compiten os plans xurdidos de ideas de negocio que achegaron algunhas das persoas participantes no programa. Cada un dos premios consiste en 3.000 euros (50% a repartir entre os membros do equipo premiado e 50% para a empresa xurdida do programa Argos, sempre que sexa constituída nos seguintes 12 meses tras a decisión do xurado).

A entrega dos premios Argos 2023 desenvolveuse onte no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e contou coa participación do delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Alberto Otero González, e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; entre outras personalidades.