O ‘Crocante de abelá e praliné de maracuyá’, de La Morena, triunfa no Santiago(é)tapas

Foi o gañador na categoría de mellor tapa creativa

Na edición deste ano tamén foron premiados Artesana, Nómade, La Planta e A Maceta

Foto de familia tras a entrega de premios de Santiago(é)tapas, este martes, no Auditorio de Galicia

Foto de familia tras a entrega de premios de Santiago(é)tapas, este martes, no Auditorio de Galicia / Antonio Hernández

O Auditorio de Galicia acolleu este martes o acto de entrega de premios da XV edición de Santiago(é)tapas. O concurso celebrouse do 15 de febreiro ao 3 de marzo, e por primeira vez tivo lugar nestas datas, logo de que Hostelería Compostela solicitase o cambio, xa que en novembro, nas datas tradicionais do concurso, xa hai unha actividade importante no sector froito do proceso de desestacionalización turística que está a vivir a capita galega.

La Morena, co seu Crocante de abelá e praliné de maracuyá, foi o gañador na categoría de mellor tapa creativa; e Artesana, coa proposta Estamos como cabras, logrou o premio á mellor tapa tradicional. Tamén foron premiados Nómade (Cacucha, grelo e calçot), como mellor tapa en maridaxe con viño; La Planta, co seu Bomba de polbo á feira, na sección de mellor tapa en maridaxe con cervexa; e A Maceta (Castaña Doce), como mellor tapa sen glute. Ademais, o Crocante de abelá e praliné de maracuyá, de La Morena, tamén se levou o premio na categoría de mellor tapa doce

No acto de entrega de premios participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; o responsable da Área de Calidade alimentaria da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Ricardo Rivas; o xerente de Cash Record, Simón Quintela; o promotor de vendas de Cafés Dromedario, Bruno Hermida; o delegado comercial de Estrella Galicia en Santiago, Guillermo Fernández; o wine ambassador de Ponte da Boga en Santiago, Alberto García; e a responsable do Departamento de Restauración e Seguridade Alimentaria da Asociación Galega de Persoas Celíacas, Nuria Colmenero. 

A alcaldesa da capital galega suliñou que o éxito de Santiago(é)tapas no mes de febreiro vai na liña de traballo que se está desenvolvendo para conseguir mudar o modelo turístico de Santiago, apostando pola colaboración co sector e o fomento da desestacionalización con actividades que dinamicen Compostela nos meses de tempada baixa. Tamén agradeceu as facilidades que deu a Deputación da Coruña para o cambio de datas, xa que sen o seu apoio non sería posible o mesmo. 

Pola súa banda, segundo sinalou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, o cambio de datas non tivo impacto nin no número de locais participantes nin no consumo. Así, neste ano consumíronse preto de 25.000 tapas, unha cifra similar a da última edición de novembro de 2022. Louzao destacou que estes datos eran moi relevantes, tanto porque se produciron no mes de febreiro, un mes moi complexo para o sector, como porque o 40% do consumo foi de persoas que non residen en Compostela