Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As Festas de San Roque de Vilagarcía encherán dun ambiente imperdible as rúas durante dez intensos días de programación

A Festa da Auga, o concerto de Bustamante e o popular desfile de carrozas son algúns dos momentos máis esperados das celebracións

Imaxe da Festa da Auga do 2023.

Imaxe da Festa da Auga do 2023. / Diego Doval

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

B.C

Coa chegada das Festas de San Roque, Vilagarcía de Arousa celebrará os seus festexos máis grandes do verán con diversas actuacións, actos relixiosos, a súa popular Festa da Auga e animados espectáculos para tódolos públicos durante dez días seguidos de troula, dende o xoves 14 ata o domingo 24.

As celebracións comezarán o xoves 14 de agosto a partir das 20.30 horas, cando o ex-xogador Gustavo Andújar dará o pregón inaugural no balcón da Casa Consistorial. Seguidamente, ás 21.00 farase a ofrenda floral a San Roque na praza de España e, ás 22.00, iniciarase a música co concerto de +dManá na Avenida da Mariña.

O venres 15, ás 11.30 horas terá lugar a misa de San Roquiño cantada pola Coral Cortegada. Logo, ás 12.30, desenvolverase a procesión, que irá acompañada cos ritmos da Banda de Música e o grupo de gaitas Nós de Sobradelo. Pola noite, ás 21.30 horas, a praza de Galicia albergará o concerto de Intro Cover e, ademais, comezará a Festa da Auga, na que veciños e visitantes poderán gozar de diversas propostas musicais, así como de festivales en distintas zonas da vila que animarán o ambiente ata a xornada seguinte.

Unha das datas máis esperadas é o sábado 16, cando se celebrará o día principal da Festa da Auga no que miles de persoas acudirán á localidade para gozar dunha troula que empapará as rúas e a todos os presentes de pés a cabeza dende as 12.00 horas ata que o corpo lles aguante. Ás 20.30 terá lugar a procesión de San Roque, dende a capela do Santo ata a praza de España e, ao rematar o acto relixioso, ás 21.30 tocará o grupo Arosa Bay.

O domingo 17, os encargados de animar aos festeiros serán Cristian Silva, cun concerto no Auditorio Municipal de Vilagarcía ás 20.00 horas e, ás 22.00, haberá verbena popular da man da orquestra Saudade, na Avenida da Mariña.

O luns 18 os presentes no parque da Xunqueira poderán gozar dunha gala lírica a partir das 20.00 horas, que contará coas voces de Ainhoa Arteta, Luís Santana, Loli Crespo e os ritmos de piano de Víctor Carbajo. O martes 19 terá lugar no mesmo sitio ás 22.30 o concerto da banda Toreros Muertos e, o mércores 20, chegara un dos pratos fortes da programación coa actuación de David Bustamante, tamén no parque da Xunqueira ás 22.30 horas. O xoves 21 cantará o dúo Marlena e, o venres 22, subiránse ao escenario Mondra e Señora DJ.

O sábado 23, a verbena nocturna comezará a partir das 22.30 na avenida da Mariña co grupo América de Vigo. Posteriormente, á medianoite, será o momento dun dos actos máis esperados das festas de San Roque, o espectáculo pirotécnico do Combate Naval.

Os festexos rematarán o domingo 24, día no que terá lugar polas rúas da vila o popular desfile de carrozas, a partir das 21.30 horas.

Tracking Pixel Contents