A seguridade de Santiago a proba en xullo: Festas do Apóstolo e eleccións 23-X

“Facer de Santiago unha cidade segura e que a xente o pase ben” é o obxectivo da alcaldesa

A Xunta local de Seguridade de Santiago reuniuse para abordar o dispositivo das festas do Apóstolo e as eleccións do 23-J

A Xunta local de Seguridade de Santiago reuniuse para abordar o dispositivo das festas do Apóstolo e as eleccións do 23-J / Pazo de Raxoi

Axencias

Na xornada deste xoves celebrouse a Xunta local de Seguridade, coa presenza da alcaldesa, Goretti Sanmartín, o edil de Convivencia cidadá, Xan Duro, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. O motivo desta xuntanza era abordar as principais pautas do dispositivo de seguridade de cara á Festas do Apóstolo, que ademais coinciden coas eleccións xerais do 23 de xullo. Logo da xuntanza, na súa comparecencia ante os medios, ambas as institucións amosaron signos de colaboración “co obxectivo de coordinar de forma conxunta as medidas de reforzo para garantir a seguridade da cidadanía durante as festas”. Tamén quixeron destacar que “vivimos un ano no que as cifras de turismo apuntan marcas absolutas”.

“Todo isto vai exixir un esforzo e un máximo nivel de coordinación entre as distintas forzas e corpos de seguridade”, explicou o edil Xan Duro, que tamén se amosou convencido de que “as festas se desenvolverán sen problema”.

A alcaldesa, quixo destacar o “espírito de colaboración, entendemento e participación” entre as distintas partes e insistiu en que a de onte é a primeira das reunións de “traballo coparticipado” que se levarán a cabo de aquí ás datas das Festas do Apóstolo. Para Sanmartín o obxectivo é “facer de Santiago unha cidade segura e que a xente o pase ben, se divirta e celebre nas mellores circunstancias posibles”.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno, María Rivas, apuntou que este tipo de xuntas son “unha ferramenta moi importante para actualizar os dispositivos de seguridade nos que traballamos con antelación” porque serven para “incluír novas variables”, como é o caso este ano, no que se conta cunha previsión de afluencia de visitantes “tanto ou maior que o ano pasado”. Rivas anunciou tamén que se reforzará “a presenza na comisaría da Policía Nacional”.