O Concello de Santiago quere promover actividades culturais con Cuba

Louzao, Rozas, Sanmartín, Izquierdo, Muíños e Baleato, onte

Louzao, Rozas, Sanmartín, Izquierdo, Muíños e Baleato, onte / Concello de Santiago

A alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, recibiu esta mañá no Pazo de Raxoi á consulesa xeral de Cuba en Santiago, Ingrid Izquierdo Sterling.

A representante diplomática asinou no Libro de Honra en presenza da rexedora e de varios representantes da Corporación municipal. O encontro, segundo Goretti Sanmartín, estivo centrado en “continuar fortalecendo os lazos de unión que nos unen con Cuba” tanto “polas relacións de emigración, polas persoas que tiveron que estar no exilio, como polos lazos culturais”.

Ambas representantes manifestaron a súa vontade de afondar na “cooperación e solidariedade” entre ambos pobos así como de retomar a organización conxunta de actividades de tipo cultural, especialmente no marco do irmandamento entre Compostela e Santiago de Cuba, declarado no ano 1995.

“Do que se trata é de achegar a ambos pobos as nosas tradicións e costumes, e tamén ver a posibilidades de promover algún tipo de vínculo de cooperación, porque Santiago é un concello especialmente sensible e solidario co pobo cubano”, comentou a alcaldesa.